O BNG de Vigo chama a formular alegacións veciñais para mellorar uns orzamentos municipais de 2023 elaborados sen diálogo

Encontro do BNG con colectivos de Vigo en 2022 
para explicar o proxecto de orzamentos
Encontro do BNG con colectivos de Vigo para explicar o proxecto de orzamentos

A fronte nacionalista vén de dirixirse a asociacións e entidades da cidade para animalas a presentar as súas demandas fronte á “xordeira autoritaria” do Goberno municipal

Xabier P. Igrexas: “Só responden á visión caprichosa do PSOE e do alcalde, como deixou patente o rexeitamento das 83 emendas parciais do BNG para mellorar as contas”

O BNG de Vigo chama a formular alegacións veciñais para mellorar uns orzamentos municipais de 2023 elaborados sen diálogo

O Bloque Nacionalista Galego chama a formular alegacións veciñais para mellorar un proxecto de orzamentos municipais de Vigo para o ano 2023 “elaborados sen participación, diálogo nin transparencia”. A fronte nacionalista vén de dirixirse a asociacións e entidades da cidade para animalas a presentar as súas demandas ante do 13 de decembro, fecha límite do período de exposición pública, fronte á “xordeira autoritaria” do Goberno municipal.

“O BNG queremos animar ao conxunto do tecido asociativo e da veciñanza de Vigo a presentar alegacións para corrixirmos entre todas e todos uns presupostos municipais que non atenden as necesidades reais das viguesas e dos vigueses”, valorou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lamentou que o proxecto presentado polo Goberno local non dea resposta ao agravamento da crise, cunha redución do 22% nas axudas sociais municipais, e afeou que insista na privatización dos servizos municipais e “abandono crónico” dos barrios e parroquias.

O candidato do BNG afeou que un ano máis os orzamentos municipais foran “elaborados nos despachos atendendo só á visión caprichosa do PSOE e do alcalde Abel Caballero”

Unha falla de participación que, a xuízo da fronte nacionalista, quedou patente co rexeitamento das 83 emendas parciais formuladas polo Bloque para mellorar o proxecto de contas. Nese sentido, Igrexas asegurou que as alegacións son unha “oportunidade” para os colectivos da cidade “facerse ouvir diante de quen non os quixo escoitar”.

O BNG de Vigo chama a formular alegacións veciñais para mellorar uns orzamentos municipais de 2023 elaborados sen diálogo