O BNG de Vigo pide priorizar o estudo dos xacementos descubertos en Elduayen por diante do avance das obras do túnel
A fronte nacionalista interpelerá o Goberno local na próxima Xerencia Municipal de Urbanismo para demandar unha investigación a fondo dos restos patrimoniais.
Xabier P. Igrexas: “As présas por concluír as obras do túnel non poden traducirse en arrasar con pezas do patrimonio histórico da nosa cidade”.
O Bloque Nacionalista Galego pide que o Goberno municipal priorice o estudo dos xacementos descubertos durante as escavacións na rúa Elduayen por diante do avance das obras do túnel proxectado na Porta do Sol. A fronte nacionalista vén de anunciar que na próxima Xerencia Municipal de Urbanismo interpelará o goberno de Abel Caballero para que detalle as medidas previstas para “garantir a efectiva protección destes xacementos e que se poidan estudar e investigar a fondo”.
Nese sentido, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas avisou de que a urxencia do Goberno local por rematar a construción do túnel debe quedar nun segundo plano para determinar o valor dos xacementos. “O BNG queremos advertir que as présas por concluír ou facer avanzar as obras non poden traducirse en arrasar contra pezas do patrimonio histórico da cidade”, subliñou.
Igrexas demandou actuar de maneira “sosegada” e con “rigor” ante a aparición dos restos. “O sensato e o profesional é que persoas expertas teñan o tempo suficiente para avaliar tecnicamente cales son as mellores medidas para a súa protección patrimonial”, asegurou o edil nacionalista.
“Non podemos permitirnos o luxo de que unha obra como o túnel da Porta do Sol acabe por enterrar definitivamente unha parte importante do pasado da nosa cidade como a que parece que está agromar no quilómetro cero de Vigo”, engadiu Igrexas.