O BNG de Vigo cualifica de “farsa” o Pleno extraordinario e abandónao en apoio da veciñanza afectada polo vial de Beade
A fronte nacionalista tacha a convocatoria do Pleno pola autoestrada Vigo-O Porriño de “escusa” para silenciar as masivas protestas veciñais contra o proxecto do PO-010.
Denuncian a decisión arbitraria do alcalde de convocar unha sesión “clandestina”, a porta pechada, pola súa “alerxia antidemocrática a aquelas persoas que non lle aplauden”.
Xabier P. Igrexas: “O BNG non imos servir de comparsa nin de atrezo neste Pleno fake que Abel Caballero utiliza para impoñer un vial que vai tronzar o rural vigués”.
O Bloque Nacionalista Galego cualifica de “farsa” o Pleno extraordinario convocado polo Goberno municipal para debater o proxecto de nova autoestrada Vigo-O Porriño. O concelleiro nacionalista, Xabier P. Igrexas, abandonou a sesión plenaria para sumarse á protesta da veciñanza afectada polo proxecto de vial de Beade e Bembrive nas portas do Concello, tras a decisión “arbitaria” do alcalde de Vigo de celebrar o Pleno a porta pechada.
“O único que lles trae aquí son dous motivos: engadir un novo episodio a esa bochornosa telenovela do enfrontamento diario coa Xunta do PP e disfrazar de A-52 o novo vial que teiman en impoñer no PXOM, a pesar de que saben que vai tronzar boa parte das parroquias do rural de Vigo, que non ten financiamento e que tan necesario non debe ser cando o proxectan para dentro de 18 anos”, cuestionou Igrexas durante a súa intervención. Neste sentido, subliñou que se ben o “desgoberno da Xunta do PP en Vigo, a súa permanente deserción da maior cidade de Galiza, dá motivos todos os días para a crítica, o problema é que o Goberno municipal de Abel Caballero os utiliza para insistir na estratexia suicida do canto peor mellor”.
Sen relación coa mobilidade de Vigo
O concelleiro do BNG en Vigo reiterou que a convocatoria do Pleno extraordinario non garda relación coas necesidades viarias da cidade nin coa nova autovía con Porriño. “Se lles importase a mobilidade terían esixido que os sucesivos Gobernos españois cumprisen coa palabra dada corrixindo as curvas mortais do actual trazado, e non se limitarían a pedir a liberación temporal das peaxes, senón que se sumarían o clamor social que reclama a supresión total e definitiva das peaxes da AP-9”, exemplificou o edil nacionalista.
Igrexas recordou que o grupo municipal socialista aplaudiu os Orzamentos Xerais do Estado de 2022, que inclúen unha partida de apenas 100mil euros para a elaboración dun estudo informativo para a nova A-52, un proxecto cun custo estimado de 340 millóns de euros. Criticou, ademais, que o actual Goberno municipal tampouco se teña pronunciado sobre a falla de desenvolvemento de outras infraestruturas viarias como a AG-57 ou a AG-59, que terían mellorado en grande medida a mobilidade de Vigo, e afeou que o PSOE votase en contra dunha recente moción nacionalista no Pleno na que se demandaba a posta en marcha do tren de cercanías a nivel metropolitano.
Pleno fake e clandestino
Aliás, desde a fronte nacionalista denunciaron a “arbitraria” decisión do alcalde de impoñer unha sesión “clandestina” a porta pechada que, segundo o Bloque, só responde a unha “alerxia antidemocrática do alcalde” a aquelas persoas que non lle aplauden.
“O BNG non podemos nin queremos participar desta farsa, que é unha falta de respecto ao Pleno pero sobre todo cara as viguesas e vigueses”, advertiu Igrexas. “Non imos ser nin comparsa nin atrezo nesta burda escenificación, neste Pleno fake. Por iso, e como fai o alcalde de Vigo en cada sesión plenaria sen motivo, este concelleiro vai abandonar o Pleno pero para baixar a carón da veciñanza que reclaman que a escoiten”, sentenciou para deseguido saír do salón de Plenos e participar na concentración contra o novo vial de Beade-Bembrive, que se celebraba ás portas da casa consistorial.
📢 Apoiamos a concentración da veciñanza afectada polo novo vial de Beade @AVIBE_VialBeade diante do Concello, tras impedir o alcalde de #Vigo a presenza de público no Pleno extraordinario.
— BNG Vigo #EnBloquePorVigo ✊🏼 (@bngvigo) February 1, 2022
"Abel escoita, o rural está en loita" pic.twitter.com/5XWp7SgiYr