O BNG acusa o alcalde de Vigo de querer silenciar a oposición veciñal ao novo vial de Beade cun Pleno extraordinario pola A-55
Xabier P. Igrexas: “É evidente que estamos diante dun debate farsa co que Caballero pretende invisibilizar o masivo rexeitamento social ao proxecto de novo vial PO-010, que ameaza con tronzar parte moi importante das parroquias rurais da nosa cidade”.
O Bloque Nacionalista Galego acusa o alcalde de Vigo de querer silenciar a oposición veciñal ao novo vial en Beade e Bembrive coa celebración dun Pleno extraordinario, previsto para o vindeiro martes 1 de febreiro, centrado na necesidade de reformar o trazado da A-55. A fronte nacionalista cualifica de “farsa” os motivos defendidos por Abel Caballero para convocar esta sesión plenaria coa que, en opinión do BNG, busca desviar a atención sobre as protestas contra o novo vial PO-010.
“É evidente que estamos diante dun falso debate co que o alcalde de Vigo pretende invisibilizar o masivo rexeitamento social a un vial inxustificado e que ameaza con tronzar unha parte moi importante das parroquias rurais da nosa cidade”, criticou o concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas, que rexeitou ademais a urxencia do proxecto tendo en conta que carece de financiamento e o propio PXOM prevé executalo nun prazo de 18 anos.
Igrexas tachou de “coartada” que Abel Caballero convoque un Pleno extraordinario a partir dunhas declaracións do presidente da Xunta sobre a conexión da A-55, un debate que Igrexas valorou como a “enésima polémica estéril” entre o Goberno municipal e o Executivo galego.
Pleno clandestino
O BNG de Vigo presentou ademais un recurso de reposición para esixir a presenza de público na sesión plenaria, dentro do estrito cumprimento das normas marcadas pola autoridade sanitaria, após ter decidido o alcalde de Vigo que se celebre a porta fechada. Para as nacionalistas non existe xustificación legal para “furtar o dereito dos vigueses e das viguesas” a escoitar en directo o debate no máximo organismo de representación da cidade.
“Non nos podemos permitir, en termos de hixiene democrática, transparencia e participación, que o Pleno se queira facer a porta fechada polo capricho do alcalde e coa única intención de non atender a opinión das veciñas e veciños”, denunciou o edil nacionalista. “Non ten ningún sentido que, ao tempo que o Concello de Vigo segue a desenvolver actos con público en dependencias municipais, tente facer clandestino este Pleno”, engadiu.
Desde o Bloque propuxeron que se celebre o Pleno nunha instalación con maior aforo, como pode ser o Auditorio municipal, en caso de que o Goberno municipal considere insuficiente o espazo do salón plenario para garantir as normas sociosanitarias.