O BNG de Vigo propón a creación dun Consello Municipal da Cultura para corrixir a “nefasta política cultural” do Concello
A fronte nacionalista lamenta que a cidade volva quedar máis un ano fóra do ránking das principais referencias culturais que elabora o Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea.
Xabier P. Igrexas: “A nosa cidade ten todas as condicións para se volver configurar nun verdadeiro motor cultural para toda Galiza, nunha referencia de primeiro nivel no noso País, no Estado e a nivel internacional”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de reiterar a súa proposta de constituír un Consello Municipal da Cultura na cidade de Vigo, como obxectivo de repensar e corrixir a “nefasta política cultural” do Concello. A fronte nacionalista lamenta que a cidade volva quedar fóra do ránking das principais referencias culturais a nivel de Estado que elabora o Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea.
“Esta exclusión volve evidenciar o profundo devalar cultural que atravesa a cidade na última década, como consecuencia directa dunha nefasta política municipal neste ámbito que se ten traducido na desertización cultural da cidade”, valorou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que afeou a desaparición nos últimos dez anos dun numero moi importante de programas e festivais na cidade.
"Vigo é unha potencia creativa, somos unha cidade de cultura, o único que falta é unha política municipal que aposte por poñer en marcha todo ese enorme potencial de talento”
Vigo apareceu por última vez no Informe anual do Observatorio da Cultura no ano 2017, daquela para poñer en valor o papel do MARCO. Para as nacionalistas é preocupante que a pesar de que a nosa cidade sexa a urbe décimo cuarta a nivel de Estado en peso poboacional, a oferta cultural viguesa ocupe o posto número vinte e seis no conxunto estatal.
“A nosa cidade ten todas as condicións para se volver configurar nun verdadeiro motor cultural para toda Galiza, nunha referencia de primeiro nivel no noso País, no Estado e a nivel internacional. Vigo é unha potencia creativa, somos unha cidade de cultura, o único que falta é unha política municipal que aposte por poñer en marcha todo ese enorme potencial de talento”, defende o portavoz municipal nacionalista.
Repensar a política cultural
Desde o Bloque reiteran a necesidade dunha rectificación que repense o modelo cultural que se está a desenvolver polo Concello de Vigo. Nese sentido, volven reiterar a proposta de constituír un Consello Municipal da Cultura que permita a participación do conxunto do tecido cultural da cidade.
“Non queremos un organismo ornamental ou formal,senón un espazo de participación directa onde teñan un papel protagónico os diferentes axentes culturais, as creadoras, as agrupación, o tecido asociativo que fai cultura de base, para definir as políticas culturais de Vigo para devolverlle a importancia fundamental que a cultura debe ter para a nosa cidade”, explicou Igrexas.