O BNG reclama desde Vigo que a Xunta fiscalice as subvencións a Ilunion diante das denuncias de explotación laboral
A fronte nacionalista presentará iniciativas no Parlamento galego para que se remate coa precariedade laboral no centro especial de emprego do grupo ONCE.
Carmela González: “Ilunion percibe importantes cantidades de diñeiro público para promover a integración laboral das persoas con dispacidade, mais a Xunta non leva a cabo unha función de control sobre estas axudas”.
O concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, interpela á delegada da Xunta na cidade para que explique as actuacións do Goberno galego, coñecedor do conflito laboral e que atinxe de maneira directa ao sector da automoción da cidade.
O Bloque Nacionalista Galego reclama que a Xunta fiscalice as subvencións a Ilunion Servicios Industriales Galicia, centro especial de emprego do grupo ONCE, diante das denuncias do persoal pola explotación laboral e a precariedade que sofren os 620 traballadores e traballadoras empregadas no sector da automoción en Vigo. A fronte nacionalista trasladará ao Parlamento galego as demandas do persoal, que se vén mobilizando na cidade durante os últimos días.
“O BNG imos presentar iniciativas para que a Consellaría de Emprego e Igualdade fagan un control sobre as axudas que percibe Ilunion e para esixir que a Xunta tome medidas para axilizar a actuación da Inspección de Traballo en relación as denuncias do persoal”, asegurou a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, que se reuniu con representantes sindicais do centro especial de emprego xunto co concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Desde o Bloque criticaron que esta modalidade de contratación, encamiñada á integración laboral das persoas con discapacidade ou diversidade funcional e cada vez maior peso no sector da automoción viguesa, se teña convertido na práctica nunha fórmula para precarizar as condicións laborais. “É absolutamente inaceptábel que, como están a denunciar organizacións sindicais como a CIG, se estea a consentir que traballadores e traballadoras por teren a condición de discapacitados perciban menos salario –cobran o salario mínimo- por facer o mesmo traballo”, subliñou Igrexas. Ademais, o persoal, que esixe a aplicación do convenio do sector para equiparar as condicións laborais, denuncia que tampouco reciben a formación que a lei fixa como obrigatoria nestes contratos.
Interpelación á delegada da Xunta en Vigo
As nacionalistas interpelaron tamén á delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, para que ofreza explicacións sobre que medidas tomou e vai tomar o Goberno galego do PP, coñecedor do conflito laboral. Desde o BNG reiteraron que a Inspección de Traballo ten que deixar de ollar cara outro lado e instaron á Xunta a deixar de subvencionar con fondos públicos estas prácticas de explotación e precariedade laboral.