O BNG de Vigo pide explicacións polo soterramento dos xacementos en Elduayen
A fronte nacionalista require os informes técnicos sobre a xestión dos restos patrimoniais e demanda transparencia do Goberno municipal, que non aportou ningunha información.
Xabier P. Igrexas: “Non perdamos a oportunidade de poñer en valor a nosa memoria colectiva, non hipotequemos a xestión patrimonial polas présas por rematar unha obra”.
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de requerir os informes técnicos sobre a xestión dos xacementos atopados na rúa Elduayen durante as obras de construción do túnel da Porta do Sol. A fronte nacionalista realiza esta solicitude após non ter recibido resposta sobre os mesmos na última Xerencia Municipal de Urbanismo e tras comprobar que os restos patrimoniais foron soterrados sen dar explicacións.
“O Goberno municipal non ten aportado ningunha información a respecto do que alí se atopa nin tampouco de que se quere facer”, valorou o concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas. “Diante desta opacidade, o BNG solicitamos formalmente termos acceso a todos os informes técnicos, no caso de que existan, sobre a xestión destes xacementos”.
Desde o Bloque reiteraron as súas advertencias de que non debe priorizarse a construción do túnel antes de executar un estudo rigoroso dos restos. “As obras non poden limitar a xestión destes xacementos, que deben atender a criterios técnicos e asegurar o cumprimento estrito da normativa de protección patrimonial”, subliñou Igrexas. “Non perdamos a oportunidade de poñer en valor a nosa memoria colectiva, non hipotequemos a xestión patrimonial polas présas por rematar as obras do túnel”.
O edil nacionalista criticou que o goberno de Abel Caballero só teña ofrecido “explicacións xenéricas” antes de soterrar os xacementos, que agora están sendo cementados. “Alegan motivos de seguridade, pero os vigueses e viguesas teñen dereito a saber cal é o valor patrimonial que se estima cales son as intencións do Goberno local”.