CORONAVIRUS

O BNG de Vigo propón unha Estratexia local de Promoción Económica e do Emprego para enfrontar os efectos da crise da Covid-19

PASEO BOUZAS

Xabier P. Igrexas: “Temos que evitar que as consecuencias da crise do coronavirus se traduzan na destrución de emprego, no feche do tecido comercial ou na desertización da nosa base produtiva”. 

Propoñen, entre outras medidas, unha axuda directa de 1.500 euros a comercios, PEMEs e autónomos, a creación dunha liña de microcréditos municipais ao sector comercial e maiores bonificacións e aprazamentos na fiscalidade municipal. 

O BNG de Vigo propón unha Estratexia local de Promoción Económica e do Emprego para enfrontar os efectos da crise da Covid-19
Na perspectiva de que unha vez superada a emerxencia sanitaria do coronavirus a cidade de Vigo enfrontará unha situación moi complexa en termos económicos, produtivos e laborais, o Bloque Nacionalista Galego vén de propoñer que o Concello de Vigo poña en marcha unha Estratexia de Promoción Económica e do Emprego. 

“Temos que evitar que as consecuencias da crise do coronavirus se traduzan na destrución de emprego, no feche do tecido comercial ou na desertización da nosa base produtiva”, reivindicou o concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas. Nese sentido, chamou a “redobrar esforzos, poñendo todos os medios e activar todas as capacidades que ten o Concello para asegurar que unha vez que superemos a crise sanitaria as consecuencias laborais, produtivas e económicas sexan as menores e esteamos en condicións dunha recuperación rápida e sólida”, acrecentou.  

Sobre ese obxectivo, a fronte nacionalista propón unha serie de medidas concretas entre as que inclúen redimensionar os programas do actual Plan Municipal de Emprego duplicando a súa dotación orzamentaria.  

Para facilitar a liquidez necesaria que permita o reinicio da actividade comercial e das PEMEs da cidade, defenden a creación dunha liña de axudas directas, por importe de até 1.500 euros, para autónomos, sector comercial e pequena e mediana empresa. Aliás, suxiren que o Concello promova, a través do convenio con algunha entidade financeira, a creación dunha liña de microcréditos municipais para o pequeno comercio que forneza de préstamos sen xuros de até 5 mil euros, a devolver nos próximos 5 anos. 

Outra das medidas que propoñen é a modificación das ordenanzas fiscais municipais para habilitar, con carácter extraordinarios, bonificacións e o pago aprazado sen recargo no ano natural en impostos e taxas como o IBI, o recibo da auga ou a recollida do lixo para PEMEs e autónomos.  

Igrexas chamou tamén a acordar, a través da Mesa Local do Comercio e coa participación das asociacións de comerciantes, as medidas necesarias para a promoción do consumo no comercio local. “É claro que o pequeno comercio é quen máis se vai resentir desta crise, e desde o BNG apostamos por fortalecelo”, explicou o portavoz municipal nacionalista, subliñando que é ese tecido comercial de proximidade “o que vertebra a cidade, dinamiza os barrios e parroquias e crea emprego estábel”.  

Por último, as nacionalistas sosteñen que é fundamental despregar un plan de continxencia específico para a protección do tecido e da industria culturais da cidade, contando co participación dos colectivos e axentes culturais co obxectivo de garantir a continuidade da actividade cultural na cidade. “Para Vigo a cultura é unha actividade estratéxica e na que temos un enorme potencial. Non podemos abandonala”, xustificou Igrexas.

O BNG de Vigo propón unha Estratexia local de Promoción Económica e do Emprego para enfrontar os efectos da crise da Covid-19