COMUNICADO

O BNG denunciamos a nefasta xestión da crise do coronavirus nas residencias de maiores de DomusVi en Barreiro (Vigo) e Aldán (Cangas) e da residencia de tempo libre de Patos (Nigrán)

domusvibarreiro

Diante da situación que se está a vivir en moitas residencias de maiores, e singularmente nas de DomusVi en Barreiro (Vigo) e Aldán (Cangas) e do dispositivo habilitado na residencia de tempo libre de Patos (Nigrán), as portavocías municipais e local do Bloque Nacionalista Galego nos tres concellos queremos trasladar publicamente o seguinte:  

O BNG denunciamos a nefasta xestión da crise do coronavirus nas residencias de maiores de DomusVi en Barreiro (Vigo) e Aldán (Cangas) e da residencia de tempo libre de Patos (Nigrán)
1. Reiteramos a nosa profunda e sentida solidariedade coas familias das persoas falecidas nestas residencias e tamén do conxunto das persoas usuarias, que están a vivir esta situación con desesperación, a quen lles trasladamos o noso sincero afecto.  

2. Lamentamos que a xestión realizada por parte da Consellaría de Política Social e da Delegación Territorial da Xunta en Vigo non dese resposta ás demandas que tanto familiares, traballadoras das residencias e o propio BNG lle trasladamos urxindo unha intervención áxil que corrixise as graves deficiencias detectadas, tanto no relativo á falla de medios preventivos, a ausencia dunha debida atención médica, a falla dun illamento efectivo das persoas contaxiadas e a ausencia de comunicación coas propias familias.  

3. A inacción da Xunta de Galiza diante dunha evidente situación límite é claro que desprotexeu un colectivo vulnerábel e de alto risco fronte a Covid19 e acabou por agravar esta situación provocando, como mínimo, un aumento dos riscos sobre a saúde e a vida tanto das persoas usuarias como das traballadoras e traballadores que as atenden.

4. A decisión de habilitar o traslado das persoas non contaxiadas á residencia de tempo libre de Patos foi moi tardía, e a detección de casos positivos constata a improvisación e a insuficiencia de garantías sanitarias.

5. Así mesmo, lamentamos a falla de información por parte da Xunta de como se está a desenvolver a intervención das residencias de Barreiro e Aldán, e de maneira concreta no que se refire ao número de persoal contratado como reforzo dentro da intervención destas residencias, así como a ausencia dun protocolo claro a respeito da derivación hospitalaria dos e das residentes sen que as familias conten con datos completos da situación.  

6. Neste sentido, entendemos motivada e razoada a petición, formulada pola Federación REDE, de demisión da Delegada Territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, que en medio desta situación crítica incorreu nunha obscena utilización propagandística. 

7. O Bloque nacionalista Galego seguiremos a traballar en todos os niveis e ámbitos para urxir unha resposta eficaz por parte de todas as administracións, para protexer a saúde e a vida do conxunto da poboación e de maneira especial a dos colectivos de maior risco, como as persoas maiores. 

8. Ademais, o BNG demandaramos que se depuren todas as responsabilidades que se deriven desta xestión neglixente, co compromiso de loitar porque as familias das persoas afectadas obteñan verdade, xustiza e reparación.  


Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo. 

Mercedes Giráldez, portavoz municipal do BNG de Cangas. 

Xavier Rodríguez, portavoz local do BNG de Nigrán. 

O BNG denunciamos a nefasta xestión da crise do coronavirus nas residencias de maiores de DomusVi en Barreiro (Vigo) e Aldán (Cangas) e da residencia de tempo libre de Patos (Nigrán)