CORONAVIRUS

O BNG de Vigo propón que a OMIC monitorice a evolución dos prezos de produtos básicos na cidade

SAVE_20200122_164306

A fronte nacionalista demanda tamén que a oficina municipal habilite medios telemáticos para asesorar a veciñanza nos seus dereitos como consumidoras e consumidores. 

O BNG de Vigo propón que a OMIC monitorice a evolución dos prezos de produtos básicos na cidade
O Bloque Nacionalista Galego anunciou hoxe que trasladará a proposta ao Comité Municipal de Seguimento da Covid 19 de que o Concello de Vigo active a Oficina Municipal de Atención e Información ao Consumidor (OMIC) durante esta situación de emerxencia sanitaria. No concreto, o BNG demanda que a OMIC monitorice a evolución dos prezos de produtos básicos e que habilite medios para asesorar telematicamente á veciñanza en cuestións como o dereito ao reembolso de servizos cancelados polo confinamento. 

“Estamos recibindo indicios de incrementos de prezos en produtos esenciais, como alimentos e produtos de hixiene, o que pode poñer nunha situación moi complexa ás familias de menores recursos e empobrecidas”, explicou o concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas. Fronte ese risco, Igrexas avogou porque a OMIC realice unha “monitorización” da evolución dos prezos para evitar situacións de abuso e dispor de información que poder facilitar á Xunta de Galiza e ao Goberno español por se for preciso tomar medidas para asegurar o acceso de toda a poboación a este tipo de bens “indispensábeis”. 

Aliás, Igrexas sostén que diante da desinformación e da confusión sobre os dereitos en materia de consumo no contexto deste confinamento, a OMIC debe tamén ofrecer “asesoramento e asistencia” a todas as viguesas e vigueses en cuestións como o dereito ao reembolso dos custos daqueles servizos e produtos cancelados pola crise sanitaria. “Falamos de cuestións como as cotas de ximnasio, entradas a espectáculos ou cursos formativos en modalidade presencial”, exemplificou.

O BNG de Vigo propón que a OMIC monitorice a evolución dos prezos de produtos básicos na cidade