O BNG de Vigo reclama a devolución do proxecto de ZBE con multas por “fracasado e inxusto”

Xabier P. Igrexas, portavoz do BNG de Vigo, co cronograma de multas das ZBE
Xabier P. Igrexas, portavoz do BNG de Vigo, co cronograma de multas das ZBE

Rexistra unha emenda á totalidade da ordenanza do Goberno de Caballero que “discrimina e castiga a veciñanza que non se pode permitir o luxo de cambiar de vehículo”

A fronte nacionalista insiste nun modelo sen restricións nin sancións que potencie o transporte público, a mobilidade peonil, en bicicleta e VMP como alternativa ao coche

Xabier P. Igrexas: “Estamos a tempo de evitar unha nova equivocación e de sentar as bases para avanzar cara un ‘Novo Vigo’ máis verde, seguro, saudábel e habitábel”

O BNG de Vigo reclama a devolución do proxecto de ZBE con multas por “fracasado e inxusto”

O Bloque Nacionalista Galego reclama a devolución do proxecto de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) con multas e perímetros para Vigo. A fronte nacionalista vén de rexistrar unha emenda á totalidade da ordenanza elaborada polo Goberno de Abel Caballero por considerar que “insiste nun modelo fracasado a nivel ambiental e inxusto socialmente”.

“O reto non é substituír vehículos de combustión por coches híbridos ou eléctricos, que son inaccesíbeis para a ampla maioría social que representan as clases populares e traballadoras”, advertiu o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que defendeu no seu lugar un modelo que brinde alternativas ás viguesas e vigueses para que “deixe de ser obrigatorio o uso do coche particular” na cidade.

Fronte ao sistema de 4 perímetros restrinxidos con multas do Goberno local, que dende o Bloque tachan de “mala copia de Madrid Central”, o portavoz nacionalista insistiu nunha alternativa integral que faga de toda a cidade unha ZBE pero sen restricións nin sancións. Un modelo que, explicou, pasa por “moito máis e mellor” transporte público e medidas que potencien a mobilidade peonil, en bicicleta e vehículos de mobilidade persoal.

Igrexas reivindicou a proposta do BNG como unha “alternativa para revolucionar a mobilidade en Vigo”, que reduza “de verdade” as emisións contaminantes en todo o termo municipal para avanzar cara a un “Novo Vigo” máis verde, seguro, saudábel e habitábel. “Estamos a tempo de evitar unha nova equivocación e de sentar as bases dun modelo de cidade que enfrente de verdade a situación de emerxencia climática”, defendeu.

Proceso participativo

Dende a fronte nacionalista propuxeron xunto coa emenda á totalidade que se poña en marcha a revisión do Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel, sen actualizar dende o ano 2020, e que se abra un proceso participativo coa convocatoria dos Consellos Sectoriais de Transportes, Medio ambiente e Accesibilidade local.

O BNG de Vigo reclama a devolución do proxecto de ZBE con multas por “fracasado e inxusto”