O BNG lanza a campaña ‘Máis buses, menos multas’ para revolucionar a mobilidade en Vigo

O concelleiro Filipe Abalde, a responsábel local Carmela González, o portavoz municipal Xabier P. Igrexas e a concelleira Ana Martínez (esq a der)
O concelleiro Filipe Abalde, a responsábel local Carmela González, o portavoz municipal Xabier P. Igrexas e a concelleira Ana Martínez (esq a der)

A fronte nacionalista presenta un decálogo de actuacións para mellorar o servizo de bus urbano co obxectivo de avanzar cara unha cidade máis habitábel e verde, dando alternativas ao uso do coche e ao modelo de ZBE con multas de Abel Caballero

Xabier P. Igrexas: “A fin da concesión de Vitrasa en 2025 abre un escenario de oportunidade para que Vigo conte cun transporte urbano á altura da maior cidade galega

Carmela González: “Vai ser unha campaña social e de contacto directo, escoitando e recollendo as necesidades e propostas da propia veciñanza e dos colectivos sociais”

CONSULTA AQUÍ A CAMPAÑA 'MÁIS BUSES, MENOS MULTAS'

O BNG lanza a campaña ‘Máis buses, menos multas’ para revolucionar a mobilidade en Vigo

O Bloque Nacionalista Galego vén de lanzar este luns a campaña ‘Máis buses, menos multas. Pola mobilidade que merece Vigo’. Unha iniciativa coa que a fronte nacionalista busca revolucionar a mobilidade na cidade co obxectivo de avanzar cara unha cidade “máis habitábel e verde”, dando alternativas ao uso do vehículo privado e ao modelo de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) de Abel Caballero.
 

“O vindeiro ano 2025 vai ser determinante coa fin da concesión de Vitrasa, que abre un escenario de oportunidade para que Vigo conte cun servizo de bus urbano á altura da maior cidade galega”, reivindicou en rolda de prensa o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, xunto coa responsábel local e deputada no Parlamento galego, Carmela González; a concelleira, Ana Martínez; e o concelleiro, Filipe Abalde.

Igrexas defendeu a necesidade dun xiro radical na mobilidade fronte á política do Goberno municipal de “barra libre en favor de Vitrasa” e fronte á “resignación de seguir sendo unha cidade de tráfico insoportábel, ruidosa, insegura e contaminante”, animando a que as viguesas e os vigueses “empurren unha alternativa desde abaixo”.

O portavoz nacionalista enumerou 10 grandes liñas de actuacións sobre as que xira a campaña, coa que o BNG vai percorrer os barrios e parroquias de Vigo nas vindeiras semanas mantendo encontros tanto con veciñas e veciños como co tecido asociativo e con colectivos sociais para escoitar e recoller as súas demandas.

Máis frecuencias e mellores horarios

Dende o Bloque consideran “imprescindíbel” aumentar as frecuencias do bus urbano para que sexa unha alternativa real ao uso do vehículo privado. “Non só recuperar as máis de 250 frecuencias recortadas dende a pandemia”, matizou Igrexas, quen apostou por reorganizar os actuais horarios para garantir que os buses circulen cada 20 minutos de media, nos días laborábeis, e evitar que pasen todos xuntos nas mesmas paradas.

Para facelo realidade, a fronte nacionalista defende a necesidade dun movo mapa de liñas, cun modelo de circulares máis “áxiles” que permita conectar de verdade o conxunto dos barrios e parroquias. “Non podemos continuar con liñas que teñen tempos de traxecto superiores a unha hora”, lamentou.

Liña CERO e intermodalidade

No obxectivo de mellorar as conexións, dende o BNG propoñen a posta en marcha dunha liña CERO, dende Navia até Teis, que sirva como espiña dorsal do novo mapa de liñas. Unha liña que podería articularse con buses con moitas máis frecuencias, creando un corredor de transporte no seu percorrido co uso combinado de carril bus e preferencia semafórica, ou e estudando algunha modalidade de transporte articulado como trolebús ou novos formatos de tranvías.
 

O portavoz municipal destacou nese sentido a aposta por mellorar a conexión con servizos esencias, como os hospitais, o CUVI, os centros de FP e o resto de terminais de transporte, como o aeroporto, as estacións de tren, a terminal de bus interurbana e a estación marítima. Para iso, salientou, cómpre ampliar até dous transbordos gratuítos por hora, facilitando así o uso combinado de varias liñas. 

Redución do prezo e máis servizo nocturno

Outro dos eixos da proposta nacionalista pasa pola redución do prezo do billete de bus urbano, o máis elevado en Galiza e un dos máis caros de todo o Estado. Na mesma liña, o Bloque chama a ampliar as bonificacións, facendo gratuíto o bus para as persoas menores de 14, as desempregadas de larga duracións e perceptoras de axudas sociais. E atendendo unha das reivindicacións da mocidade viguesa, urxe a posta en marcha de máis servizos nocturnos despois da desaparición nos últimos anos das liñas N2 e N3.

Remunicipalización do servizo

De cara á fin da concesión de Vitrasa no ano 2025, o BNG aposta por remunicipalizar dunha vez transporte urbano, a través da constitución dunha empresa pública municipal que xestione e preste o servizo, na mesma liña de outras cidades. “É claro que o actual modelo de concesión privada é un pésimo negocio para a cidade pero unha fonte de grande lucro para a empresa”, subliñou Igrexas.

Zonas de Baixas Emisións, sen multas nin restricións

Nesta revolución da mobilidade, a fronte nacionalista defende unha alternativa integral de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) sen as restricións e multas que quere impor o Goberno de Abel Caballero cunha “moi mala copia de Madrid Central”. O Bloque aposta  así por converter toda a cidade nunha ZBE fronte ao modelo de Caballero de crear 4 perímetros nos que se vai prohibir o acceso con vehículos que non sexan híbridos ou eléctricos, sancionando con multas a quen incumpra esta restrición. O obxectivo da proposta nacionalista é reducir con carácter xeral o uso do coche no conxunto da urbe, dando alternativas que pasen pola mellora do transporte público, a promoción do tránsito peonil, en bicicleta e vehículos de mobilidade persoal, creando aparcamentos disuasorios e con máis espazos para o tránsito peonil, na liña de actuacións exitosas como as despregadas na cidade de Pontevedra.

Campaña social e de contacto directo

Pola súa banda, a responsábel local do BNG de Vigo e deputada no Parlamento galego, Carmela González, presentou as accións desta campaña que, como mínimo, se vai estender até o mes de xullo. “O BNG acreditamos en que as transformacións non son posibles sen contar coa participación da veciñanza”, afirmou, avanzando unha campaña social, de axitación e rúa, e con contacto directo para escoitar e recoller as necesidades e propostas concretas da propia veciñanza e dos colectivos sociais.

González asegurou que, nesa campaña de contacto directo, o BNG iniciará nos vindeiros días e semanas unha rolda de xuntanzas con diferentes asociacións e entidades do ámbito veciñal, do movemento ecoloxista, organizacións sindicais, e outros colectivos sociais comprometidos cunha mobilidade alternativa, como ciclistas e usuarias de vehículos de mobilidade persoal. No mesma liña, realizará un percorrido de encontros abertos nos barrios e parroquias.

A alternativa do BNG pode consultarse a través da súa páxina web (vigo.bng.gal) e tamén terá presenza nas rúas e nos fogares da cidade, coa edición de case 50 mil exemplares dun boletín municipal que terá nesta campaña o seu contido principal, e que será complementado cunha ampla tiraxe de folletos explicativos, con carpas informativas e con cartelería de gran tamaño. 

O BNG lanza a campaña ‘Máis buses, menos multas’ para revolucionar a mobilidade en Vigo