O BNG de Vigo reclama “pasos concretos” para a Saída Sur no ano 2030 ante a falla de avances

Xabier P. Igrexas e Néstor Rego en rolda de prensa nunha imaxen de arquivo
Xabier P. Igrexas e Néstor Rego en rolda de prensa nunha imaxen de arquivo

A fronte nacionalista urxe fixar prazos e recursos para a alta velocidade entre Vigo e Porto despois da falla de concrecións na última reunión entre os Gobernos español e portugués

Xabier P. Igrexas: “É un mal síntoma que nesa xuntanza entre os secretarios de Estado de Transportes non se teña pasado de boas palabras e declaracións xenéricas”

O BNG de Vigo reclama “pasos concretos” para a Saída Sur no ano 2030 ante a falla de avances

O Bloque Nacionalista Galego reclama “pasos concretos” para facer realidade a Saída Sur no ano 2030. A fronte nacionalista urxe fixar prazos e recursos diante da “preocupación” xerada pola falla de avances e concrecións durante a reunión entre os Gobernos español e portugués celebrada este xoves sobre a “estratéxica” conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto.

“É un mal síntoma que nesa xuntanza de alto nivel entre secretarios de Estado de Transportes, que se produce despois da cimeira de Faro na que Pedro Sánchez afirmou que a prioridade do seu executivo era a conexión entre Madrid e Lisboa, non se teña pasado de boas palabras e declaracións xenéricas”, lamentou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

O voceiro nacionalista advertiu a ese respecto que van continuar “moi vixiantes” para que o Goberno español cumpra con este compromiso recollido no acordo de investidura entre o Bloque e o PSOE. “Após a rectificación formal por parte do Ministerio de Transportes, imos seguir esixindo con absoluta firmeza que se cumpra coa palabra dada a Vigo e a Galiza para que facer realidade a Saída Sur, si ou si, no 2030”, afirmou.

Igrexas avanzou novas iniciativas no Congreso da man do deputado e portavoz nacionalista, Néstor Rego, para que o executivo de Sánchez “pase das palabras aos feitos”. Nese sentido, reiterou a demanda de decisións e recursos concretos para facer avanzar a infraestrutura nas datas acordadas en coordinación do Goberno portugués .

“A Saída Sur é unha cuestión estratéxica e irrenunciábel para Vigo, para a nosa área e para o conxunto da Galiza”, defendeu Igrexas, subliñando que o BNG vai exercer “toda a súa capacidade de presión para que o entendan dunha vez en Madrid e actúen en consecuencia”.

O BNG de Vigo reclama “pasos concretos” para a Saída Sur no ano 2030 ante a falla de avances