O BNG de Vigo pide que se escoite á veciñanza afectada pola nova autovía

Xabier P. Igrexas e Roberto Fernández Vila (esq.) reunidos coa plataforma Bembrive en Pé
Xabier P. Igrexas e Roberto Fernández Vila (esq.) reunidos con representantes da plataforma Bembrive en Pé

A fronte nacionalista reitera a súa oposición ao trazado previsto para a ampliación da A-52 e defende que se estuden alternativas máis eficientes, sustentábeis e con menor impacto

Xabier P. Igrexas: “Non podemos seguir tratando parroquias como Bembrive ou Beade como páramos que encher de asfalto ou cemento"

O BNG de Vigo pide que se escoite á veciñanza afectada pola nova autovía

O Bloque Nacionalista Galego pide que se escoite á veciñanza afectada pola nova autovía A-52 e tamén polo proxecto de vial PO-010. A fronte nacionalista reitera a súa oposición aos trazados previstos para estas dúas infraestruturas, con importantes afeccións en parroquias rurais da cidade, e defende que se estuden outras alternativas máis eficientes, sustentábeis e con menor impacto.

“É indefendíbel que se pretenda impoñer un trazado sen o máis mínimo diálogo e sen abordar a serio outras posibilidades”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, xunto co voceiro nacionalista en Bembrive, Roberto Fernández Vila, após manter unha xuntanza coa plataforma Bembrive en Pé na que trasladaron o “total apoio” do Bloque ás súas reivindicacións contra o trazado da A-52.

Igrexas avanzou unha rolda de encontros con colectivos veciñais afectados diante da “xordeira autoritaria” do Goberno de Abel Caballero e do Ministerio de Transportes tratando de impoñer un percorrido para a nova autovía con graves impactos ambientais e sociais no rural vigués. “Non podemos seguir tratando parroquias como Bembrive ou Beade como páramos que encher de asfalto ou cemento”, subliñou o portavoz do Bloque.

O BNG xa rexeitou os viais no PXOM

Dende a fronte nacionalista reiteraron así a súa oposición ao trazado previsto tanto para a nova autovía A-52 como para o vial PO-010, tal como deixaron “claro e rotundo” durante a aprobación provisional do novo PXOM co seu rexeitamento a estes viais. “A posición do BNG non é nova, o que sorprende é a posición vacilante ou cínica dun PP que, coa boca pequena di agora opoñerse, pero que votou a prol destes proxectos”, afeou Igrexas.
 

Corrixir o trazado e liberar peaxes

O portavoz municipal do Bloque asegurou ademais que esta nova autovía non vai resolver os graves problemas de sinistralidade da actual A-55, insistindo na urxencia de que Transportes execute canto antes os traballos pendentes dende hai moitos anos para corrixir o actual trazado. “A mellora de seguridade viaria non pode agardar á posta en marcha, a tramitación ou licitación de novas infraestruturas, hai que actuar xa”, afirmou.

Outra das medidas defendidas pola fronte nacionalista pasa por liberar de peaxes no inmediato a autoestrada AP-9, cuxo trazado vai paralelo á actual autovía. Aliás, o BNG chama a despregar melloras importantes no transporte público que ofrezan alternativas ao uso do vehículo privado, o que permitiría reducir o número de coches que cada día entran e saen da cidade por motivos laborais. 

O BNG de Vigo pide que se escoite á veciñanza afectada pola nova autovía