O BNG reforza a súa dirección local co reto de sumar máis apoios á súa alternativa transformadora para Vigo
A fronte nacionalista reelixe por unanimidade á deputada Carmela González como responsábel local e amplía a dirección co obxectivo de situar o Bloque como a forza determinante nas eleccións municipais de 2027
Carmela González: “O BNG xa demostramos que non temos teito nin límites e responderemos esta crecente simpatía con propostas, traballo incansábel e compromiso”
O Bloque Nacionalista Galego vén de renovar a súa dirección local co obxectivo de reforzar a súa alternativa transformadora e en positivo para Vigo. A fronte nacionalista reelixiu por unanimidade á deputada Carmela González como responsábel local á fronte dun Consello Local renovado nun 25% e que se amplía a 30 persoas coa incorporación de perfís de ampla experiencia e nova militancia.
Na dirección local do BNG de Vigo continúan tamén a concelleira Ana Martínez como vice-responsábel local; o portavoz municipal no Concello Xabier P. Igrexas; o concelleiro Filipe Abalde; o deputado no Parlamento galego, Brais Ruanova; e o responsábel comarcal, Manuel Caride.
“Hoxe somos unha organización local máis unida e forte, temos por diante dous anos para seguir sumando apoios e referenciando á nosa organización como única alternativa política en Vigo”, reivindicou González na Asemblea Local celebrada esta semana, que fixou como reto ensanchar a base social e manter a tendencia á alza das nacionalistas para se converter nunha “forza determinante” nas vindeiras eleccións municipais de 2027.
A responsábel local do Bloque valorou de forma “moi positiva” o traballo realizado dende a última renovación dos organismos nacionalistas en 2021. Destacou o papel chave da militancia, que medrou nun 20%, e o crecente número de simpatizantes nun período marcado por sucesivas citas electorais nas que a fronte nacionalista multiplicou os seus apoios na cidade: triplicando a representación no Concello, aumentando o número de votos nun 45% nas eleccións xerais, conseguindo o mellor resultado en dúas décadas nas europeas e co “fito histórico” de ser primeira forza en Vigo nunhas eleccións galegas.
González asegurou que o Bloque vai continuar traballando con “entusiasmo e rigor, a pé de rúa, visitando todos os barrios e parroquias e cun diálogo permanente co tecido asociativo para dar respostas en positivo a todas as viguesas e vigueses que buscan un cambio de rumbo na cidade”.
924 propostas en tres anos
Dende o Bloque puxeron tamén en valor as 924 propostas e iniciativas realizadas durante os últimos tres anos a nivel local, así como a presenza e contacto cos movementos sociais e a veciñanza. “O BNG xa demostramos que non temos teito nin límites e responderemos a esta crecente simpatía con propostas, traballo incansábel e compromiso fronte ao desgoberno de Abel Caballero e ao abandono do PP de Rueda”, reivindicou.
Sobre o novo Consello Local do BNG de Vigo, destacou o equilibrio entre a continuidade do traballo da anterior equipa xunto coa ampliación e renovación con persoas de ampla experiencia, nova militancia e representantes da súa organización xuvenil, Galiza Nova. “Persoas comprometidas e xenerosas coa organización, cos seus barrios e parroquias, con Vigo e con este País”, salientou a responsábel local.
Consello Local do BNG de Vigo 2025
- Carmela González Iglesias (Responsábel local)
- Ana Martínez Piñeiro (Vice-responsábel local)
- Xabier Pérez Igrexas
- Manuel Caride Correa
- Patricia Maquieira Gómez
- Belén García Suárez
- Adrián Rodríguez Bravo
- Filipe Abalde Comesaña
- Raquel Pérez Fernández
- Nuno Galán Alves
- Cristian López Iglesias
- Maribel Tato Sánchez
- Serafín Otero Fernández
- Xosé Antonio González Azpeitia
- Sefi Romero Álvarez
- Brais Ruanova Vilas-boas
- Segundo González González
- María Luz Pérez Fernández
- Diego García Laranxeiro
- Eduardo Ruanova Davila
- Leticia Lodeiro Otero
- Alexandre Insúa Moreira
- Modesto Solla Sanz
- Iria Costas Pérez
- Roberto Pascual Rodríguez
- Diego Santorio Moscoso
- Carme Adán Villamarín
- Roberto Fernández Vila
- Lois Pérez Castrillo
- Olaia Fernández Davila