O BNG de Vigo reclama un plan de choque municipal de 9,5 millóns para frear os desafiuzamentos

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista propón a creación dun programa de alternativas habitacionais, un plan de axuda ao alugueiro e o reforzo da Empresa Municipal de Vivenda

En 2025 producíronse case seis desafiuzamentos de media cada semana

Xabier P. Igrexas: “Un Concello que deixa máis de 100 millóns sen executar non pode mirar para outro lado mentres a xente perde a súa casa”

O BNG de Vigo reclama un plan de choque municipal de 9,5 millóns para frear os desafiuzamentos

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo alertou de que o 2025 pechou cunha media de case seis desafiuzamentos cada semana, segundo os datos xudiciais do último trimestre, unha realidade que evidencia a gravidade da emerxencia habitacional que atravesa a cidade.

Na súa meirande parte, trátase de familias e persoas empobrecidas que non poden facer fronte aos prezos do alugueiro, que se incrementaron un 9% no último ano e acumulan unha suba do 35% desde 2020. Unha escalada que fai que, a día de hoxe, mesmo o acceso a unha habitación nun piso compartido supere xa os 300 euros mensuais.

Desde o BNG subliñan que o máis alarmante é que a práctica totalidade destes desafiuzamentos se produciron sen que ningunha administración pública, nin a Xunta nin o Concello, facilitase unha alternativa habitacional accesíbel ás persoas afectadas. “Os desafiuzamentos son a cara máis dramática da emerxencia habitacional que está a expulsar da cidade a familias enteiras e a mocidade que non se pode permitir o luxo de vivir na súa propia cidade”, sinalou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas.

Igrexas denunciou que “nin a propaganda, os anuncios e as promesas que acaban en papel mollado” poden ocultar a inacción tanto da Xunta do Partido Popular como do Goberno municipal de Abel Caballero. Neste sentido, lembrou que en 2015 o alcalde chegou a afirmar publicamente que “a oficina antidesafiuzamentos é a miña mesa”, mais dez anos despois “segue a ollar para outro lado sen despregar ningunha medida concreta para evitar que máis viguesas e vigueses perdan a súa vivenda”.

Plan de choque

Ante esta situación, o BNG defende que garantir o dereito á vivenda debe ser a principal prioridade política en 2026 para o que reclama que o Concello mobilice, como mínimo, 9,5 millóns de euros -mediante modificacións orzamentarias e o uso dos remanentes municipais- para activar un Plan de Choque fronte ao que xa é o maior problema social da cidade.

En concreto, a fronte nacionalista propón destinar 1,5 millóns de euros á posta en marcha dun programa municipal de alternativas habitacionais que evite que se produza ningún novo desafiuzamento sen solución residencial. Ademais, defenden investir outros 3 millóns nun plan municipal de axuda ao alugueiro, que inclúa achegas directas de até 200 euros mensuais para familias con baixos ingresos e un programa facilitador do alugueiro que permita anticipar fianzas, avais e garantías mediante préstamos sen xuros, especialmente dirixidos a persoas con menos recursos e menores de 35 anos.

Por último, o BNG considera imprescindíbel reforzar con 5 millóns de euros adicionais a Empresa Municipal de Vivenda, aínda pendente da súa constitución legal, para axilizar a creación dun parque público de vivenda social en Vigo.

“As viguesas e vigueses non poden seguir agardando e a inacción da Xunta do PP non pode seguir sendo a escusa para que o Concello non actúe”, concluíu Igrexas, lembrando que “un Concello que vén de deixar sen executar máis de 100 millóns de euros do seu orzamento non pode seguir asubiando mentres a vivenda se converte nun ben de luxo para a maioría social”.

O BNG de Vigo reclama un plan de choque municipal de 9,5 millóns para frear os desafiuzamentos