O BNG de Vigo demanda que Caballero rectifique o “atropelo” de desaloxar a Favec da súa sede histórica

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, e o concelleiro, Filipe Abalde, reunidos con representantes da Favec
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, e o concelleiro, Filipe Abalde, reunidos con representantes da Favec

A fronte nacionalista anuncia un recurso de reposición contra a decisión do Goberno local por desviación de poder ao expulsar á Federación Veciñal do inmóbel que ocupa hai 30 anos

Xabier P. Igrexas: “É o cume da estratexia de represión de Caballero contra o tecido veciñal que se atreve a discrepar; nunca antes coma hoxe recoñeceron ter medo a represalias”

O BNG de Vigo demanda que Caballero rectifique o “atropelo” de desaloxar a Favec da súa sede histórica

O Bloque Nacionalista Galego demanda que Abel Caballero rectifique o “atropelo democrático” de desaloxar a Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao (Favec) da súa sede histórica. A fronte nacionalista anuncia un recurso de reposición contra a decisión do Goberno local por desviación de poder ao expulsar á Federación Veciñal, que agrupa unha trintena de entidades sociais da cidade, do inmóbel de titularidade municipal que ocupa hai 30 anos na praza da Princesa.

“Esta decisión é o cume da estratexia de represión de Caballero contra o tecido veciñal e social que se atreve a discrepar do Goberno municipal ou denunciar a desatención dos barrios e parroquias”, lamentou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, despois de manter unha xuntanza con representantes da comisión permanente da Favec canda o tamén concelleiro nacionalista, Filipe Abalde. “Nunca antes na cidade as entidades recoñeceron ter medo a represalias como na actualidade”, engadiu.

Igrexas afirmou que este desaloxo é o último exemplo da “violencia institucional” que exerce o alcalde contra a Favec durante os últimos anos, rompendo primeiro a interlocución coa entidade e suprimindo despois sen xustificación todas as subvencións do Concello. Así, a Federación Veciñal non retornou dende 2021 á súa sede histórica por unhas obras no inmóbel, malia que os traballados non afectaban á súa oficina.

Un desaloxo que o Goberno de Caballero decidiu converter en definitivo, após acordar a Xunta de Goberno Local a resolución do convenio coa Favec ao que inda lle restaban anos en vigor. Unha decisión que dende o BNG defenden deixar sen efecto, para o que veñen de anunciar a formulación dun recurso de reposición alegando desviación de poder, vicios do procedemento, vulneración de normas e lesión de dereitos fundamentais.

“Diante dun Goberno instalado no absolutismo e que superou todas as liñas vermellas para actuar dende o puro autoritarismo, o BNG imos seguir reivindicando que sen participación e diálogo non hai democracia real, que democracia é moito máis que votar cada catro anos”, subliñou o portavoz municipal do Bloque.
 

De por parte, a presidenta da Favec, María Pérez, agradeceu o apoio trasladado pola fronte nacionalista e lembrou o papel chave da entidade, que representa a 30 asociacións veciñais e sociais de Vigo e foi recoñecida como Viguesa Distinguida.

O BNG de Vigo demanda que Caballero rectifique o “atropelo” de desaloxar a Favec da súa sede histórica