O BNG propón un Centro para o Impulso Tecnolóxico e a Innovación para converter Vigo na “capital galega do futuro”
A fronte nacionalista considera “vital” diversificar a actividade produtiva da cidade para frear a fuga de talento e coñecemento cara a emigración por falla de oportunidades
Xabier P. Igrexas: “Temos que desenvolver as nosas enormes potencialidades como cidade universitaria para transformarnos na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións”
O Bloque Nacionalista Galego propón a posta en marcha dun Centro Metropolitano para o Impulso Tecnolóxico e a Innovación que permita situar a Vigo como a “capital galega do futuro”. A fronte nacionalista considera “vital” diversificar a actividade produtiva da cidade para frear a fuga de talento e coñecemento cara a emigración por falla de oportunidades.
“O BNG queremos desenvolver as enormes potencialidades que temos como cidade universitaria para converter Vigo na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións”, defendeu o candidato nacionalista á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que chamou a potenciar o desenvolvemento económico da cidade, blindando tamén o futuro industrial, para evitar que siga “quedando atrás” con menos emprego digno e oportunidades.
“Temos talento, investigadores e investigadoras punteiras e un importante coñecemento que podemos e debemos transferir e mobilizar no ámbito produtivo de Vigo en lugar de seguir a expulsalo por millares á emigración”, salientou Igrexas
O cabeza de lista nacionalista explicou que este Centro Metropolitano para o Impulso Tecnolóxico e a Innovación, en colaboración coa Universidade e outras administracións, prestará apoio para consolidar o tecido empresarial no sector TIC na área de Vigo.
O candidato do BNG contrapuxo esta proposta coa “total deserción” da Xunta de Galiza do PP, a quen afeou que a súa única política económica e industrial sexa o Xacobeo e que leve 14 anos “castigando” a maior cidade galega cun “deliberado abandono”. No mesmo sentido, apostou por políticas municipais que superen o actual proxecto que “reduce Vigo a un permanente parque temático de nadal” para que a cidade avance para ser un referente no ámbito da innovación.