O BNG de Vigo urxe o relevo de Vázquez Almuíña na presidencia da Autoridade Portuaria

Foto: Autoridade Portuaria de Vigo
Foto: Autoridade Portuaria de Vigo

A fronte nacionalista considera incompatíbel que manteña o seu cargo á fronte do Porto após ser nomeado candidato popular á alcaldía de Baiona

Xabier P. Igrexas: “Non podemos permitirlle ao PP que continúe a utilizar a Autoridade Portuaria, cun papel chave na economía de Vigo, como unha especie de senado local ou balneario para os seus altos cargos”

O BNG de Vigo urxe o relevo de Vázquez Almuíña na presidencia da Autoridade Portuaria

O Bloque Nacionalista Galego urxe a destitución e relevo de Jesús Vázquez Almuíña na presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo. A fronte nacionalista considera incompatíbel que manteña o seu cargo após ser nomeado como candidato popular á alcaldía de Baiona e advirte ao PP de que esta institución chave da cidade non pode continuar a ser unha “especie de senado local ou balneario” para os seus altos cargos.

“O Porto de Vigo xoga un papel fundamental e estratéxico no desenvolvemento económico de Vigo e da súa área e merece moito máis respecto do que está a demostrar nos últimos anos o PP”, cuestionou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.  “Non podemos permitirlle ao PP que continúe a utilizalo para colocar dirixentes en fase de retiro nin para os seus reservistas que están á espera de novas misións”, engadiu.

O candidato nacionalista cualificou o papel de Vázquez Almuíña ao fronte da Autoridade Portuaria de “inercia nefasta” e criticou que deixe como principal legado o último recheo portuario na cidade.

“É responsábel de cementar máis de 8.500 metros cadrados no Berbés sen ningún tipo de xustificación nin necesidade, e incorrendo nunha gravísima agresión ambiental contra a ría de Vigo”, lembrou

Igrexas valorou que a permanencia do actual presidente do Porto só pode responder a dous posíbeis motivos. Por un lado, á “falla de garantías” de que o PP acade a alcaldía en Baiona. Por outro, que estean a “gardar a poltrona ben quente” para a candidata popular en Vigo e delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, ante as “nulas expectativas” cara as eleccións municipais de maio de 2023.

“Sexa como for, non podemos seguir tolerando que se utilice unha institución fundamental no desenvolvemento socioeconómico da nosa cidade como se fora apenas un sitio onde imputar nóminas dos seus altos cargos”, remachou o concelleiro do BNG.

O BNG de Vigo urxe o relevo de Vázquez Almuíña na presidencia da Autoridade Portuaria