O BNG de Vigo esixe ao Goberno municipal que actúe fronte as verteduras de augas fecais sen depurar á ría
A fronte nacionalista solicita información sobre as actuacións realizadas polo Concello diante das verteduras “ilegais” rexistradas desde a propia rede municipal de saneamento
Xabier P. Igrexas: “Non ten xustificación que o desleixo do goberno de Abel Caballero siga a enmerdar a nosa ría, xa abonda de tratar o noso litoral como un vertedoiro”
O Bloque Nacionalista Galego esixe ao Goberno municipal que actúe e aclare as causas das verteduras de augas fecais sen depurar á ría de Vigo rexistradas desde hai máis dunha semana. A fronte nacionalista vén de solicitar información, mediante un escrito ao alcalde, sobre as actuacións realizadas polo Concello após as denuncias da Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo, que apuntan a vertidos en diferentes puntos da cidade desde a propia rede municipal de saneamento, con especial incidencia en Bouzas.
“É unha situación reiterada que supón un clarísimo incumprimento da normativa ambiental e tamén das obrigas do Concello de Vigo e de Aqualia na xestión do saneamento da nosa cidade”, cuestionou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que vén de demandar ademais acceso ao expediente e á documentación municipal sobre estes feitos.
O candidato nacionalista acusou ao goberno de Abel Caballero de non “facer absolutamente nada” diante do que cualificou como unha “inxustificada agresión ambiental contra un ecosistema privilexiado como a ría de Vigo”
Nese sentido, demandou que as concellarías de Medio Ambiente e Fomento, como principais responsábeis, informen de maneira detallada das medidas tomadas por estas verteduras “ilegais e intolerábeis”, detectadas o pasado 3 de xaneiro no recheo de Bouzas e nas perpendiculares da rúa Colón, rúa Coruña e Alcabre.
“Desde o BNG cremos que non ten xustificación que o desleixo do goberno de Abel Caballero siga literalmente a enmerdar a nosa ría, xa abonda de tratar o noso litoral como un vertedoiro”, recriminou Igrexas. Nese sentido, lembrou que a vertedura de augas non depuradas xa motivou no seu momento a apertura dun expediente sancionador por parte das autoridades europeas cuxo mandato, denunciou, estase tamén a incumprir.
#Vigo #Bouzas
— Rubens Rocha (@IlCanallaRubens) January 10, 2023
É lamentabel que a alcaldía este impasibel ante estes feitos denunciados hai unhas semanas, cabe sinalar que é o máximo responsabel.
Centos de litros de augas fecais sen tratar levan saindo polo paseo de Bouzas cara a Ría de Vigo. pic.twitter.com/q2QgiTtgFx