O BNG de Vigo rexeita a exhibición militar en Samil que só pretende alentar o belicismo
A fronte nacionalista denuncia que ese exercicio fai parte do “perigoso discurso belicista e militarista” que empurra a OTAN, ao ditado de Washington, e que está a ser asumido con “obediencia servil” polo Goberno español de PSOE e Sumar.
Poñen en valor o “firme compromiso pola paz” demostrado de maneira reiterada pola sociedade viguesa
Xabier P. Igrexas: “A guerra non é un xogo nin un espectáculo e resulta indecente e inhumano frivolizar o drama que representa”
O Bloque Nacionalista Galego vén de expresar o seu rotundo rexeitamento a que o ministerio de Defensa vaia utilizar este venres a praia de Samil para unha exhibición militar coa simulación dun ataque anfibio e aeronaval, mobilizando entre outros elementos o portaavións “Juan Carlos I”, a fragata “Blas de Lezo” e o buque de asalto “Galicia”.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou que “para alén da irracionalidade ambiental” que supón realizar ese exercicio nun ámbito natural de tanto valor como a Ría de Vigo e o areal de Samil, esta exhibición “forma parte do perigoso discurso belicista e militarista empurrado desde a OTAN ao ditado de Washington, e asumido con obediencia servil polo Goberno español de PSOE e Sumar”
“A guerra non é un xogo nin un espectáculo”, proclamou Igrexas, que sinalou que precisamente nun contexto marcado pola barbarie da guerra, na Ucraína ou na acción xenocida de Israel contra a Palestina, por citar apenas a parte máis visibel dos 56 conflitos armados que seguen abertos neste 2024, o maior número desde a II Guerra Mundial, “é indecente e inhumano frivolizar o drama que representa a guerra” con exhibicións como a que se pretende realizar mañá en Samil.
“A guerra só produce sufrimento, morte e destrución e unicamente beneficia á industria militar” proclamou apuntando os enormes lucros que está a recibir por causa do brutal aumento do gasto armamentístico, que no Estado español aumentou nun 62,4% nos últimos seis anos, colocándoo en preto dos 30 mil millóns de euros segundo os datos do Centro Delás de Estudos pola Paz.
O portavoz municipal nacionalista puxo en valor o compromiso firme das viguesas e vigueses en favor da paz. “Fixémolo rexeitando masivamente a ilegal invasión do Iraq, fixémolo en repulsa ao ataque ruso na Ucraína e levamos 9 meses de mobilizacións esixindo o inmediato cesar o fogo na Palestina”, argumentou.
“A paz é o camiño, o único camiño e ese camiño e incompatíbel con accións que pretenden branquear o militarismo que empurra a guerra, por iso temos que reivindicar que Vigo somos un territorio de paz no que os señores da guerra e os seus xogos performativos non serán nunca benvidos” remachou.