O BNG reclama aos Gobernos español e galego que impidan o ERE en Vodafone que ameaza 60 empregos en Galiza
A fronte nacionalista rexistra iniciativas no Congreso e no Parlamento galego para evitar a destrución de postos nos centros de Vigo, Pontevedra e A Coruña, despois de manter unha xuntanza con representantes do Comité de Empresa
Néstor Rego: “O BNG demandamos en máis dunha ocasión recuperar a autorización administrativa previa para os ERE que permitiría evitar casos como o de Vodafone”
Carmela González: “A Xunta ten que actuar como autoridade laboral para garantir a continuidade dos empregos na Galiza”
O Bloque Nacionalista Galego reclama aos Gobernos español e galego que impidan o ERE en Vodafone que ameaza até 60 empregos en Galiza. A fronte nacionalista rexistrará iniciativas no Congreso e no Parlamento galego para evitar a destrución de ducias de postos de traballo nos centros de Vigo, Pontevedra e A Coruña anunciada polo fondo voitre Zegona tras a adquisición da empresa de telecomunicacións.
“É incomprensíbel a pasividade do Goberno español cando estamos falando dunha compañía que presta servizos a moitas áreas e organismos públicos, mesmo estratéxicos para a propia Administración do Estado”, denunciou o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, que mantivo este venres unha xuntanza en Vigo con representantes do Comité de Empresa canda a deputada no Parlamento galego, Carmela González, e o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas.
Rego trasladou o total apoio ás traballadoras e traballadores de Vodafone ameazados polo ERE que, destacou, ten como principal responsábel ao Ministerio de Traballo de Yolanda Díaz por incumprir a promesa de derrogar integramente a reforma laboral do PP. Entre outros aspectos, salientou, para recuperar a autorización administrativa previa para os expediente de regulación de emprego. “Neste caso sería a propia Adminstración Pública quen tería capacidade de autorizar este ERE, un mecanismo de presión superior que podería evitar a destrución dos postos de traballo”, asegurou.
Falla de motivación para o despedimento
O portavoz do Bloque no Congreso instou por estes motivos a que o Goberno español presione a Zegona para paralizar este ERE, afeando que non se cumprisen nin tan sequera os criterios mínimos para anuncialo. “É imposíbel que nun prazo de 10 días se estuden alternativas de viabilidade como pretende a empresa”, criticou denunciando a “total falla de motivación” para o despedimento colectivo nunha empresa que vén de reducir nun 98% as súas perdas e que facturou máis de 3 mil 400 millóns de euros no último exercicio.
Aliás, Rego advertiu de que esta destrución de empregos (un 37% do total, arredor de 900 postos de traballo en todo o Estado) vai afectar á calidade dos servizos, algún deles de carácter estratéxico e crítico, que presta Vodafone para distintas administracións e organismos públicos. A este respeito a destrución de emprego prevista comprometería a continuidade de proxectos, como a implantación de redes 5G, que contan cun millonario financiamento público.
“O Goberno español ten que mudar a pasividade por un compromiso activo para evitar este ERE”, demandou o nacionalista criticando a falla de acción dos ministerios de Economía, Transformación Dixital e, sobre todo, de Traballo. Neste sentido, Rego cuestionou que o Goberno español de PSOE-Sumar veña de autorizar a adquisición por polo fondo voitre Zegona, nunha operación claramente “especulativa” sen lles impoñer condicións que garantan a continuidade do emprego e da actividade de Vodafone no territorio. Condicións que si se aplicaron, por exemplo, á hora de autorizar a fusión entre Orange e Más Móvil.
A Xunta ten moito que dicir
Na mesma liña, a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, anunciou o rexistro de iniciativas para esixir que a Xunta actúe para evitar o sexto ERE en Vodafone en 7 anos. Así, dos máis de 300 postos de traballo da empresa en Galiza hoxe apenas se manteñen a metade nos centros de Vigo, Pontevedra e A Coruña, dos que 1 de cada 3 están na actualidade baixo a ameaza do ERE.