O BNG de Vigo rexeita os orzamentos “farsa e reciclados” do Goberno de Abel Caballero para 2025
A fronte nacionalista censura que o Goberno local reduza as contas municipais “a grandes anuncios resesos de anos anteriores” desatendendo as necesidades reais da cidade
Anuncia un amplo paquete de emendas parciais, en diálogo co tecido asociativo e a veciñanza, fronte a uns orzamentos elaborados “sen escoitar a ninguén”
Xabier P. Igrexas: “Estas contas son a demostración en cifras de que Caballero non ten máis proxecto para a cidade que seguir ocupando a Alcaldía”
O Bloque Nacionalista Galego vén de trasladar a súa oposición ao proxecto de orzamentos municipais do Concello de Vigo para o ano 2025. A fronte nacionalista censura que o Goberno de Abel Caballero reduza as contas municipais “a grandes anuncios reciclados de anos anteriores” desatendendo as necesidades reais da cidade, polo que avanzan un amplo parque de emendas para demostrar que existe unha “alternativa real á inercia paralizante” do alcalde.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou este proxecto de presupostos de “despropósito e farsa”, lamentando que un exercicio máis se elaborara o proxecto de contas en “réxime de mónologo”, sen escoitar a ninguén e sen recoller ningunha proposta ou demanda da veciñanza. “Son a demostración en cifras de que Caballero non ten máis proxecto para a cidade que seguir ocupando a Alcaldía”, afirmou.
Igrexas afeou que o Goberno municipal continúe sen planificar para 2025 unha verdadeira política pública de vivenda diante do grave problema en Vigo. No mesmo sentido, lamentou que se perpetúe o abandono dos barrios e parroquias da cidade cun gasto previsto para beirrarúas de só 400 mil euros, o equivalente a 1,3 euros por habitante. Así, case a metade dos recursos para investimentos (22,5 millóns dun total de 48) van estar dedicados a dous proxectos: a nova bancada de Gol e a reforma da Avenida de Madrid.
O portavoz nacionalista criticou tamén a falla de rectificación nas contas municipais da “nefasta” política cultural e do “maltrato” ao deporte vigués. Ou que sigan sen dar resposta á situación de emerxencia social na cidade malia ter 60 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza. “Fronte á propaganda e as falsidades pronunciadas estes días por Caballero, o orzamento de 2025 recolle un novo recorte dun 7,14% nas axudas sociais municipais”, denunciou Igrexas, subliñando que o Concello vai gastar case tres veces máis en luces e adornos de Nadal que en axudar ás persoas empobrecidas.
“Morea de promesas incumpridas”
Dende o BNG advertiron ademais de que os orzamentos de Caballero van ficar en “papel mollado e nunha morea xigantesca de promesas incumpridas” unha vez aprobados, tendo en conta o resultado dos últimos exercicios. Así o evidencia, a xuízo do voceiro do Bloque, que o Goberno municipal só teña executado o 47% no terceiro trimestre deste ano, cun gasto no apartado de investimentos do 20%. “Con toda seguridade, o 2024 rematará cunha inexecución absolutamente récord de 150 millóns de euros”, alertou.
Igrexas insistiu en que esta inexecución “non é aforro” do Concello, senón centos de millóns en promesas incumpridas. “Son 150 millóns de euros de necesidades desatendidas, de proxectos reducidos a infografías e máis nada, de abandono pola incapacidade e a falla de xestión dun Goberno reducido a un megaconcelleiro de propaganda na persoa do seu alcalde”, censurou o portavoz municipal do BNG.
Fronte a este proxecto de contas, a fronte nacionalista está xa a preparar unha ampla batería de emendas parciais en diálogo directo co tecido asociativo e a veciñanza de Vigo para “demostrar que si hai unha alternativa real á inercia paralizante de Caballero e mobilizar os inmensos recursos da cidade en favor das viguesas e dos vigueses”.