O BNG de Vigo esixirá no Pleno que o Goberno español non postergue a Saída Sur

Xabier P Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

 A fronte nacionalista rexistra unha moción de urxencia após as declaracións do presidente, Pedro Sánchez, nas que afirmaba que a prioridade é a conexión entre Madrid e Lisboa e lembra que o PSOE comprometeuse no acordo de investidura subscrito co BNG que a Saída Sur estaría operativa no horizonte do ano 2030

Critican o “oportunismo cínico” do Partido Popular de Vigo que, despois de estar rexistrada a moción urxente do BNG, promoveu outra sobre o mesmo asunto a pesar da enorme responsabilidade dos gobernos do PP no atraso da conexión Vigo-Porto

Xabier P. Igrexas: “Priorizar Madrid-Lisboa sobre Vigo-Porto só pode responder a unha visión ultracentralista que coloca a nosa cidade e Galiza nun papel periférico e subordinado, que a cidade non pode nin vai tolerar e que o BNG non imos permitir”

O BNG de Vigo esixirá no Pleno que o Goberno español non postergue a Saída Sur

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou esta mañá unha moción de urxencia para que o Pleno do Concello de Vigo demande ao Goberno español axilizar a execución da Saída Sur, que conecte por tren de alta velocidade a cidade de Vigo con Porto. A fronte nacionalista reacciona desta maneira diante das declaracións realizadas polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, nas que afirmaba que a prioridade do seu executivo é a conexión Lisboa-Madrid para 2030, postergando a, como mínimo, o 2032 a conexión galega. Unhas declaracións que contrataron coa posición do goberno de Portugal que, por boca do seu primeiro ministro, Luís Montenegro, pediu axilizar os prazos e calendario inicialmente previstos para a conexión Vigo-Porto.

Para o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, “resulta, de toda maneira, inxustificábel que o Goberno español pretenda volver priorizar Madrid -como esixía a presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso-, a pesar de contar xa cunha amplísima conexión ferroviaria de alta velocidade, sobre a vertebración do Eixo Atlántico no que xoga un papel fulcral a conexión da cidade de Vigo”. Unha decisión que, apuntou, só pode estar motivada pola aplicación “dunha visión ultracentralista que coloca a Vigo e Galiza nun papel periférico e subordinado, que a cidade non pode, nin vai tolerar e que o BNG non imos permitir”.

Nese sentido, a moción das nacionalistas recolle unha única proposta de acordo: “Instar ao Goberno español a priorizar e axilizar, como defende o goberno de Portugal, a posta en marcha da conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto, a denominada Saída Sur, sen postergala en favor de ningunha outra conexión e incorporando nos orzamentos xerais do Estado do vindeiro ano e seguintes exercicios a dotación económica necesaria para efectivizala no horizonte do ano 2030” No mesmo sentido, o BNG vai rexistrar unha iniciativa no Congreso a través do seu deputado e portavoz nas Cortes, Néstor Rego.

Igrexas subliñou, que como sempre ten defendido o BNG, “a Saída Sur é unha conexión estratéxica para Vigo e a súa área, e tamén para o conxunto de Galiza, que permitiría reforzar o papel da área viguesa como motor da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal e configuraría a nosa cidade como un nodo ferroviario de primeira magnitude”.

Neste sentido, sinalou o contraste entre a aposta decidida que o goberno portugués está a facer en favor deste proxecto coa notábel falla de avances no Estado español desde o ano 2007, por causa “da falla de compromiso efectivo dos sucesivos gobernos centrais, en mans do Partido Popular e do Partido Socialista”.

O portavoz municipal nacionalista recordou tamén que o Goberno español comprometeu expresamente no acordo de investidura subscrito entre PSOE e BNG, que a conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto estaría en servizo na contorna do ano 2030. De aí, que as declaracións realizadas polo presidente Sánchez supoñan “o incumprimento do compromiso asumido como condición para a súa investidura”. “Un compromiso que non era só co BNG senón co conxunto das viguesas e dos vigueses, das galegas e dos galegos”, remachou.

Oportunismo cínico do PP

Igrexas tamén trasladou publicamente que case media hora depois do rexistro da moción de urxencia do BNG “curiosamente” o Grupo Municipal do PP rexistrou outra moción sobre a mesma cuestión. “Un movemento claramente oportunista e cheo de cinismo por parte dun Partido Popular que ten unha enorme responsabilidade no atraso da Saída Sur e que desde logo debera vir precedido, para ter unha mínima credibilidade, dunha petición de desculpas ás viguesas e vigueses polo silencio da Xunta de Galiza diante das declaracións nas que a presidenta Ayuso pedía abertamente postergar a conexión ferroviaria entre Vigo e Porto”, criticou.

“O BNG imos dar este debate en favor da Saída Sur con toda a lexitimidade que dá a coherencia de que nós defendemos a mesma posición, en favor de Vigo e de Galiza, aquí, en Compostela, en Madrid ou n Bruxelas, a diferenza dun PP que en Vigo e en Galiza subordinan os intereses da nosa cidade e do noso País aos ditados dos seus xefes ou ,neste caso mellor dito, da súa ‘xefa’en Madrid”, proclamou.
 

CONSULTA A MOCIÓN COMPLETA AQUÍ

O BNG de Vigo esixirá no Pleno que o Goberno español non postergue a Saída Sur