O BNG pide abrir o debate sobre a aplicación en Vigo dunha taxa turística
A fronte nacionalista demanda ao Goberno municipal a elaboración dun estudo técnico, en colaboración coa Universidade de Vigo
Defenden que a taxa permitirá que o turismo contribúa ao sostemento dos gastos que supón para a cidade, paliar os impactos negativos da actividade turística e frear o avance dos pisos turísticos
Xabier P. Igrexas: “A taxa turística pode ser unha medida útil no camiño de impulsarmos un modelo de turismo sustentábel para que Vigo non fique reducida a un parque temático para o excursionismo de masas”
O Bloque Nacionalista Galego vén de propor que se abra o debate a respeito da aplicación na cidade de Vigo dunha taxa turística. Con ese obxectivo, demandan ao Goberno municipal de Abel Caballero que o Concello elabore en colaboración coa Universidade de Vigo (UVigo) un estudo técnico.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que este debate é “imprescindíbel” diante do aumento moi agudo do turismo que recibe a nosa cidade. Neste sentido sinalou que, en datos do INE, a cidade de Vigo recibiu no ano 2023 3,28 turistas por cada habitante, superando en termos totais o turismo recibido por Santiago de Compostela. Aliás, rexistrouse un aumento dun 72,47% das pernoctacións hoteleiras nos últimos dez anos, pasando de menos de 575 mil, no 2013, a case 1 millón o pasado ano.
Igrexas explicou que para o BNG a taxa turística “debe ter por obxectivo que o turismo contribúa tamén ao sostemento dos gastos que supón para a cidade e que arestora están a ser asumidos a cargo das viguesas e dos vigueses e que permita paliar os impactos negativos que a actividade turística ten para a cidade”. “Cremos que pode e debe ser tamén unha medida que poña couto ao brutal avance do fenómeno ultraespeculativo dos pisos turísticos”, acrecentou.
Estudo en colaboración coa UVigo
Esta é a motivación que leva ás nacionalistas a demandar do Goberno municipal que o Concello elabore, en colaboración coa UVigo, un estudo como xa o realizado por outras cidades que permita determinar a necesidade e características que debería ter esta taxa atendendo ao tipo de turismo que se recibe na cidade, cunha forte presenza, por exemplo, de cruceristas.
“Entendemos que a taxa turística pode ser unha medida útil no camiño de impulsarmos un modelo de turismo sustentábel e non masificado, que xere retornos e achegue valor engadido, desenvolvendo as enormes potencialidades da cidade no ámbito do turismo MICE, cultural, ecolóxico e deportivo”, argumenta o portavoz municipal nacionalista.
Unha proposta que defenden, apuntou, “desde o compromiso de avanzarmos cara a un Vigo máis habitábel e medio ambientalmente sustentábel que non fique reducido a un parque temático para o excursionismo de masas”.