O BNG de Vigo rexeita participar dos actos do Cristo da Vitoria e reclama separar as institucións públicas das relixiosas
A fronte nacionalista cualifica de “anacronismo” que o Concello de Vigo convide á presenza de representantes públicos nos actos relixiosos e pide deixar sen efecto o convenio polo que financia con máis de 51 mil euros a procesión
Xabier P. Igrexas: “Nun marco de convivencia democrática, unha administración pública non pode promover nin colaborar con actos de carácter relixioso”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de rexeitar a participación dos seus representantes públicos nos actos do Cristo da Vitoria. A fronte nacionalista reclama a separación entre institucións públicas e confesións relixiosas e cualifica de “anacronismo” que o Concello promova a presenza de cargos institucionais na lectura do pregón e na procesión que terán lugar esta fin de semana. Nese sentido, pide deixar sen efecto o convenio asinado polo Goberno municipal para financiar con máis de 51 mil euros estes eventos.
“A presenza de autoridades públicas ou de representantes institucionais en actos de carácter relixioso constitúe un anacronismo propio doutros tempos, incompatíbel co actual marco de liberdades”, censurou o edil do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que rexeitou nun escrito o convite enviado o pasado 2 de agosto polo alcalde, Abel Caballero, para asistir como concelleiro aos actos do Cristo da Vitoria. “Nin eu nin ningún outro representante institucional do BNG na nosa cidade imos participar destes actos”, subliñou.
Igrexas insistiu en que nunha democracia “plena” é imprescindíbel unha separación “estrita” entre as institucións públicas e as “lexítimas” confesións.
“Non ten ningún sentido a esta altura do século XXI que cargos públicos participen nin de procesións nin de actos de carácter relixioso”, sinalou o edil nacionalista, que chamou a avanzar para “sacudir das institucións eses anacronismos"
O concelleiro do BNG demandou tamén no escrito ao alcalde de Vigo que retire a subvención de máis de 51 mil euros para financiar a procesión do Cristo, deixando sen efecto o convenio asinado polo Concello coa Igrexa católica. O edil do Bloque salientou que Vigo é unha cidade “orgullosamente diversa” na que conviven persoas con diferentes crenzas ou que non profesan ningunha, polo que reiterou a necesidade de separar o papel das institucións públicas das distintas confesións relixiosas.