O BNG demanda explicacións da Xunta e do Concello de Vigo polas verteduras nos ríos Eifonso e Barxa durante as catas da nova variante da A-52
A fronte nacionalista esixe que ambas administracións respondan polos vertidos rexistrados nas prospeccións xeolóxicas, tal como denuncian a veciñanza e colectivos ambientais
Alexandra Fernández: “O Goberno galego ten que aclarar se deu autorización e explicar que vai facer fronte á evidencia destas verteduras”
Xabier P. Igrexas: “Hai que actuar con contundencia contra quen se atreve a utilizar dous ríos como sumidoiro e avanzar na protección destes importantes cursos fluviais”
O Bloque Nacionalista Galego demanda explicacións da Xunta de Galiza e do Concello de Vigo polas verteduras producidas nos pasados días nos ríos Eifonso e Barxa como consecuencia dos traballos preliminares para o proxecto de nova variante da A-52. A fronte nacionalista interpela a ambas administracións para que respondan pola contaminación destes cursos fluviais, denunciada pola propia veciñanza e por colectivos ambientais, e chama a avanzar na protección destes importantes espazos naturais.
“Vimos de trasladar unha pregunta dirixida a Augas de Galiza para que dea explicacións sobre que está pasando nestas catas xeolóxicas”, subliñou a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández, que pide ao Goberno galego que confirme se autorizou estas verteduras en ambos ríos e, en caso contrario, que explique que actuacións tomou contra as empresas responsábeis.
Os vertidos foron rexistrados á altura do tramo onde se proxecta o túnel de Chan da Cruz, de máis de tres quilómetros, previsto na nova variante da A-52. Unha infraestrutura que, a xuízo das nacionalistas, terá un “enorme” impacto ambiental e urbanístico nas parroquias viguesas de Bembrive, Beade, Sárdoma e Castrelos, nas que existe un amplo rexeitamento por parte da veciñanza.
“Son os primeiros impactos apenas estando nunha fase de estudio dunha obra que arruinaría o periurbano vigués cando hai alternativas menos agresivas e máis económicas”, lamentou a deputada nacionalista.
Os ríos non son sumidoiros
Na mesma liña, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, solicitou ao goberno de Abel Caballero que facilite o acceso íntegro ao expediente municipal para autorizar as catas, do que só se coñece polo momento o permiso para ocupar a vía pública durante os traballos. “Se de por si é intolerábel o feito de que se utilicen estes ríos como sumidoiro, inaceptábel tamén é a falla de resposta por parte de ambas administracións”, denunciou o voceiro municipal nacionalista.
Igrexas pediu actuar con “absoluta contundencia” fronte a este tipo de atentados ambientais. Neste sentido, chamou a protexer estes ríos polo seu “elevadísimo” valor ambiental e natural como os cursos fluviais mellor conservados da cidade e afluentes do río Lagares.
“Cómpre protexelos non só con declaracións e afirmacións baleiras, senón actuando de maneira decidida para impedir que este tipo de verteduras se volvan repetir”, afirmou o concelleiro do BNG en Vigo.
Protexer os ríos Eifonso e Barxa
Desde a fronte nacionalista lembraron a negativa do goberno de Abel Caballero a reforzar a protección dos ríos Eifonso e Barxa a proposta do BNG, que trasladou unha moción ao Pleno de abril para a súa declaración como Espazos Naturais de Interese Local (ENIL), recollendo as demandas de colectivos veciñais e ambientais como Avibe, Bembrive en Pé, Adega, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e Amigos da Terra.
Unha fórmula legal coa que o BNG buscaba valorizar e protexer tanto a biodiversidade natural como os elementos de carácter patrimonial e etnográfico presentes nestes cursos fluviais, mais que contou co rexeitamento do Goberno local que insiste nesta nova variante da A-52 malia o evidente impacto sobre o rural de Vigo e pese a existir alternativas máis sustentábeis a nivel económico e ambiental.
As obras do túnel conlevarán un gran impacto ambiental na parroquia de Bembrive. Nada máis comezar, as perforacións están contaminando as augas do principal afluente do Lagares. Os nosos ecosistemas fluviais están ameazados. pic.twitter.com/iluYKdSISO
— Ecoloxistas en Acción Vigo-Rías Baixas (@ecoloxistasvigo) August 4, 2022