O BNG de Vigo rexeita o uso partidista da Medalla da Cidade polo alcalde
A fronte nacionalista cualifica de “descarada e indecente” a proposta de concederlle a máxima distinción honorífica da cidade á actual Secretaria de Estado de Transportes do Goberno español, Isabel Pardo de Vera.
Xabier P. Igrexas: “Asistimos a un fito máis da deriva autoritaria de Abel Caballero que cada vez ten máis dificultades para diferenciar o seu papel como dirixente do PSOE e como alcalde, para separar partido da institución municipal”
O Bloque Nacionalista Galego expresou publicamente o seu rexeitamento á proposta do alcalde de Vigo, Abel Caballero, de outorgar a Medalla da Cidade 2022 á actual Secretaria de Estado de Transportes do Goberno español, Isabel Pardo de Vera. A fronte nacionalista cualifica de “descarado e indecente uso partidista” da máxima distinción da cidade olívica.
“Asistimos a un fito máis da deriva autoritaria de Abel Caballero que cada vez ten máis dificultades para diferenciar o seu papel como dirixente do PSOE e como alcalde, para separar partido e institución municipal”, reprochou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Segundo o portavoz municipal nacionalista a designación de Pardo de Vera só está motivada “no interese persoal e partidista de Caballero de seguir agasallando e lambendo bota do Goberno español”. Neste sentido, Igrexas criticou con dureza a falla de motivos para tal designación, nomeadamente atendendo ao abandono que en materia ferroviaria sigue a padecer a maior cidade de Galiza por parte do executivo central.
“Que quere premiar con esta medalla Abel Caballero? Que a Saída Sur que nos conecte por alta velocidade con Porto continúe entrampada na elaboración dun novo estudo informativo? Que sigamos padecendo unha moi deficiente conexión de tren de media distancia, como están a denunciar as persoas usuarias? Ou a negativa a dotar á área de Vigo dun tren de cercanías como o que existe noutros ámbitos do Estado con menos poboación?”, preguntouse Igrexas.
Desde o Bloque cuestionan tamén cal tería sido a reacción do PSOE e do propio Caballero, se outros gobernos anteriores tivesen o mesmo “atrevemento partidista e autoritario”. “Que diría Caballero, por exemplo, se a popular Corina Porro como alcaldesa tivese proposto darlle a medalla da cidade ao ministro Álvarez Cascos? Pois o mesmo que lle dicimos hoxe o BNG, que é algo intolerábel e un exercicio de desprezo á pluralidade da cidade, e unha evidencia máis de que o papel de Caballero como alcalde está sometido e supeditado aos ditados do seu partido en Madrid”, remachou Igrexas.