O BNG demandará no Parlamento que a Xunta exerza as súas competencias para fortalecer o sector da automoción
A fronte nacionalista interpelará ao vicepresidente segundo, Franscico Conde, demandando a posta en marcha dun Plan Galego da Automoción que inclúa medidas para propiciar a instalación de empresas para a fabricación na área de Vigo de semicondutores e outros compoñentes.
Carmela González: “Após 13 anos de goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza a industria da automoción galega segue sen ter un plan de futuro”
Xabier P. Igrexas: “O futuro de Vigo e a súa comarca non pasa nin polo monocultivo do Xacobeo que promove a Xunta nin por grandes campañas de nadal, senón por reactivar a actividade industrial”
A deputada do BNG, Carmela González, interpelará mañá no Pleno do Parlamento, ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, sobre a situación desta importante actividade industrial en Vigo e a súa área.
“Após 13 anos de goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza a industria da automoción galega segue sen ter un plan de futuro. Mentres Portugal suma máis empresas no norte, o goberno galego continua impasíbel poñendo en perigo o tecido produtivo e o emprego no sector”, alerta González.
Desde a fronte nacionalista poñen o foco nos problemas laborais derivados das paralizacións da actividade por causa da falla de subministros de microcompoñentes. “A Xunta non moveu un dedo, e segue sen reaccionar diante da situación dramática que viven as traballadoras de Stellantis e da industria auxiliar”, reprochan.
A deputada nacionalista afea que o presidente da Xunta estea máis preocupado do seu traslado a Madrid que no desenvolvemento de proxectos para a instalación de fábricas de semicondutores e microcompoñentes que garantan o futuro do sector. Para iso desde o BNG chaman a poñer en marcha un Plan Galego da Automoción lembrando que do sector de automoción depende boa parte da economía e emprego na comarca de Vigo.
Futuro industrial
Pola súa banda, o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, alertou do “preocupante retroceso” que o sector da automoción está a vivir na área de Vigo, que cualificou de “actividade fundamental e estratéxica”.
Neste sentido, Igrexa subliñou que, segundo datos da EPA, o ano 2021 rematou con 1.800 empregos industriais menos dos existentes antes do inicio da pandemia. “Nun contexto xeral de crise industrial na cidade, estamos a ver unha importante perda de emprego no sector de automoción, non se instalou nos últimos 8 anos ningunha nova empresa mentres continúa o proceso de deslocalización produtiva cara ao norte de Portugal, e vemos un moi preocupante aumento da precariedade laboral”, afirmou.
“O futuro de Vigo e a súa comarca non pasa nin polo monocultivo do Xacobeo que promove a Xunta nin por grandes campañas de nadal, senón por reactivar a actividade industrial”, remachou Igrexas.