O BNG de Vigo alerta do risco de que Caballero impoña unha aprobación exprés do PXOM en pleno Nadal

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

En resposta a unha interpelación do BNG a concelleira de Urbanismo, María José Caride, afirmou que “non descarta, en absoluto” que a aprobación definitiva se leve a Pleno antes de finalizar este ano

Xabier P. Igrexas: “Non podemos aceptar que Abel Caballero pretenda impoñer manu militari, forzando os tempos e os procedementos, un PXOM que foi elaborado e continúa a tramitarse na escuridade dos despachos ao servizo dos poderosos intereses dos de sempre”

O BNG de Vigo alerta do risco de que Caballero impoña unha aprobación exprés do PXOM en pleno Nadal

O Bloque Nacionalista Galego vén de alertar publicamente do “risco real” de que o Goberno municipal de Abel Caballero pretenda aprobar definitivamente de maneira “exprés” o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal en pleno Nadal.

Así o sinalou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, após de que a concelleira de Urbanismo, María José Caride, asegurase en resposta a unha interpelación do nacionalista no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo que “non descarta en asboluto” que o trámite de aprobación definitiva do novo PXOM se produza antes de que finalice o ano 2024.

“Tendo en conta que inda non se recibiu o informe de Costas e que restan tamén varios informes municipais, que son preceptivos e vinculantes, esta contestación alértanos de que o Goberno de Abel Caballero podería tentar forzar unha aprobación exprés en pleno Nadal”, advertiu.

Para o portavoz municipal nacionalista este escenario suporía repetir a mesma “manobra” que o Goberno local xa aplicou na aprobación inicial, que se produciu un 26 de agosto, e a provisional que tivo lugar nun Pleno o 28 de decembro pasado. Un procedemento que, apuntou,  “o único que persigue é converter o derradeiro trámite para a aprobación do novo PXOM nun paseo militar para o seu absolutismo antidemocrático”.

Desde o BNG lembran que xa solicitaron de maneira reiterada a comparecencia da Equipa Redactora do novo PXOM na Xerencia de Urbanismo, precisamente para dar conta do estado de tramitación e do seu cronograma pero tamén e, sobre todo, dos cambios que se van producir en tre o inicialmente aprobado e o documento final. Solicitude que ten sido denegada reiteradamente polo Goberno local. Feito que, para Igrexas, “advirte de maneira clara de que, como xa sucedeu na aprobación provisional, imos atoparnos máis sorpresas desagradábeis” colando pola porta de atrás cuestións como a legalización do pelotazo dos chalets VIP de Cabo Estai, a recualificación dunha ampla zona verde en Navia para poder albergar o prometido Vigo Arena, e actuacións semellantes.

Transparencia e participación

En troca, a fronte nacionalista volveu esixir “a máxima transparencia” e unha tramitación que ademais de respeitar escrupulosamente a legalidade permita a participación efectiva tanto dos diferentes grupos políticos como da veciñanza e dos colectivos que continúan na incerteza sobre o resultado final das súas alegacións.

“Non podemos aceptar que Abel Caballero pretenda impoñer manu militari, forzando os tempos e os procedementos, un PXOM que foi elaborado e continúa a tramitarse na escuridade dos despachos ao servizo dos poderosos intereses dos de sempre” afirmou o portavoz municipal do BNG, quen advertiu de que,de non rectificar o Goberno, este proceso “vaise converter nunha grande oportunidade perdida para dotar a cidade dun Plan Xeral que permita que Vigo avance cun modelo de cidade racional, sustentábel, policéntrico e co urbanismo en favor do interese xeral e non da especulación”.

O BNG de Vigo alerta do risco de que Caballero impoña unha aprobación exprés do PXOM en pleno Nadal