O BNG revela que o Concello transferiu 50 millóns a Vitrasa dende 2019 malia recortar frecuencias e precarizar as condicións laborais
A fronte nacionalista acusa o Goberno local de “complicidade” coa concesionaria de bus: “Non podemos seguir a subvencionar a precariedade nun servizo de titularidade municipal”
Chama a aproveitar a oportunidade da fin da concesión en xuño de 2025 para remunicipalizar o servizo e dotalo de máis frecuencias, mellores horarios e un novo mapa de liñas
Xabier P. Igrexas: “Coa política de mobilidade de Abel Caballero a única que gaña sempre é Vitrasa; o único que se move é cada vez máis diñeiro público aos petos da empresa”
O Bloque Nacionalista Galego revela que o Concello de Vigo transferiu arredor de 50 millóns de euros a Vitrasa dende o ano 2019 malia recortar 250 frecuencias diarias e precarizar as condicións laborais do seu persoal. A fronte nacionalista acusa o Goberno de Abel Caballero de “complicidade” coa concesionaria de bus urbano e advirte de que “non podemos seguir a subvencionar a precariedade nun servizo de titularidade municipal”.
Así o denunciou este luns o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, despois de que o Goberno local executara unha nova indemnización de 12 millóns de euros en favor de Vitrasa, que se engaden aos 7 millóns aboados polo desequilibrio da concesión e ás subvencións anuais que desembolsa o Concello polas tarifas bonificadas que, en suma, ascenden a case 50 millóns de euros no último lustro.
“É indefendíbel que, con esa inxente transferencia de diñeiro público, a empresa teña insistido en precarizar, e moito, tanto as condicións laborais e salariais do seu persoal como tamén as condicións que presta nun servizo público de carácter esencial”, cuestionou o portavoz municipal nacionalista.
Igrexas culpou desta situación á “barra libre e á complicidade” do Goberno municipal coa dirección da concesionaria en contra do interese público xeral e dos dereitos do persoal. “Coa política de mobilidade de Abel Caballero a única que gaña sempre é Vitrasa”, afirmou, subliñando que “o único que se move é cada vez máis diñeiro público das arcas do Concello aos petos da empresa”.
Perda de viaxeiros
Dende o BNG valoraron como unha evidencia do “pésimo” servizo de bus urbano a perda de viaxeiros e viaxeiras nos últimos anos, que segue a ser un 11% menor dos que había antes da pandemia, segundo datos recollidos no comunicado oficial do Concello. Unha situación que, a xuízo da fronte nacionalista, vén provocada polos “brutais” recortes con 250 frecuencias diarias menos que en 2019 e polos chamados horarios ‘desregulados’.
“Con menos buses circulando que hai 5 anos, con menos frecuencias, con peores horarios e menor puntualidade, é claro que non se pode recuperar o número de persoas que facían uso do bus”, lamentou Igrexas, quen considerou que nun contexto marcado polo aumento dos combustíbeis e de novos descontos nas tarifas debera ter aumentado o número de persoas que fan uso do autobús.
Fronte a esta realidade, dende a fronte nacionalista aseguran que “o camiño ten que ser literalmente o contrario”, insistindo na oportunidade que abre a fin da concesión de Vitrasa en xuño de 2025 para mellorar o servizo e que este sexa unha alternativa real ao uso do vehículo particular.
“Cómpre reverter este pésimo negocio para a cidade dando pasos desde xa”, defendeu Igrexas, chamando a estudar a remunicipalización do servizo de bus a través dunha empresa pública como as que existen noutras cidades do Estado, mesmo en urbes con moita menos poboación e peso económico que Vigo.