O BNG de Vigo denuncia unha nova talla inxustificada de árbores na Avenida Martínez Garrido
A fronte nacionalista demanda explicacións por eliminar arboredo san e de gran porte e esixe unha rectificación da “política arboricida” do goberno de Abel Caballero.
Xabier P. Igrexas: “Humanizar as nosas rúas non pode ser desnaturalizalas, as árbores son fundamentais no ecosistema urbano e non apenas un adorno”.
O Bloque Nacionalista Galego denuncia unha nova talla inxustificada de árbores en Vigo a conta das obras de humanización da Avenida Martínez Garrido. A fronte nacionalista vén de anunciar que na vindeira Comisión Informativa de Medio Ambiente do Concello, prevista para este mércores, esixirá explicacións por esta actuación así como unha rectificación da “política arboricida permanente” do goberno de Abel Caballero.
“Non podemos seguir admitindo que se retire arboredo san e de gran porte, que cumpre un papel chave para facer máis habitábel a nosa cidade, unicamente por motivos estéticos”, criticou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que chamou a poñer fin aos “continuados e arbitrarios atentados naturais” do Goberno municipal do PSOE.
Igrexas salientou que “humanizar as nosas rúas non pode ser desnaturalizalas” e lembrou que “as árbores son fundamentais no ecosistema urbano e non apenas un adorno”. Neste sentido, o edil nacionalista reiterou a necesidade de que o Goberno local aclare os motivos e xustificacións técnicas que avalan este tipo de actuacións, que se veñen repetindo durante os últimos anos en toda a cidade a pesar dunha crecente oposición veciñal. A máis recente, hai escasos días, na próxima Avenida Gregorio Espino.
“Esta política arboricida vai en contra dun desenvolvemento sustentábel da cidade, dun modelo de cidade moderna e de futuro que, en opinión do BNG, só pode ser unha cidade máis verde”, defendeu Igrexas.
“Após vivir xornadas de altas temperaturas, as viguesas e os vigueses puidemos comprobar en carne propia a diferenza entre percorrermos rúas arboladas e naturalizadas e facelo por rúas de gris cemento e pedra”, destacou o concelleiro do Bloque.
🎦 O BNG temos que volver denunciar un novo arboricidio en #Vigo
— BNG Vigo #EnBloquePorVigo ✊🏼 (@bngvigo) June 21, 2022
Non podemos admitir que se tallen máis árbores sans e de gran porte só por cuestións estéticas
Imaxes da Avenida Martínez Garrido pic.twitter.com/loHeJ1hYiE