O BNG urxe reforzar a Protección Civil de Vigo atendendo as demandas do persoal voluntario
A fronte nacionalista reclama ao Goberno municipal que actúe diante das dificultades e eivas que afectan ao servizo, dotándoo de máis recursos para o seu funcionamento.
Xabier P. Igrexas: “O abandono que padece por parte do goberno de Abel Caballero non é o xeito de corresponder o esforzo e o compromiso xenerosos das mulleres e homes que conforman o voluntariado”.
O Bloque Nacionalista Galego urxe reforzar a Agrupación Local de Protección Civil en Vigo diante das dificultades denunciadas polo propio voluntariado. A fronte nacionalista reclama ao Goberno municipal que atenda as demandas do persoal para dotar de máis recursos o servizo e lamenta que non teña actuado antes malia ter coñecemento “desde hai moito tempo” das eivas que afectan ao seu funcionamento.
“Esta situación segue sen se resolver pola teimosía do goberno de Abel Caballero en non recoller as queixas e propostas que se están a trasladar por parte das persoas voluntarias de Protección Civil na nosa cidade”, apuntou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que acusou de “desleixo” á concelleira de Seguridade, Elena Espinosa, por non dotar dos recursos necesarios para exercer nas mellores condicións este servizo esencial.
Igrexas sinalou que son precisas medidas “concretas e prácticas” por parte do Concello de Vigo á hora de reforzar o funcionamento da Protección Civil. Entre elas, pediu convocar as eleccións para designar unha nova dirección, logo de ser ter superado a vixencia da actual xestora provisional.
O edil nacionalista chamou a despregar “unha planificación máis axeitada” do traballo e das actuacións, facilitando máis medios materiais, así como unha mellor formación e capacitación das persoas voluntarias, na liña do demandado polo persoal.
“O abandono que padece a Agrupación Local de Protección Civil por parte do Goberno municipal non é o xeito de corresponder o esforzo e o compromiso xenerosos das mulleres e homes que conforman o voluntariado”, afeou Igrexas. O concelleiro do Bloque asegurou que a situación actual vai na liña contraria dos discursos de Abel Caballero como presidente da FEMP, nos que defendía a “semiprofesionalización” deste servizo.
“Reclamamos a Espinosa que pase das palabras aos feitos, que atenda as denuncias e propostas das voluntarias e dos voluntarios e faga unha aposta decidida e urxente por resolver a situación que atravesa a Protección Civil en Vigo”, esixiu o edil do BNG.