O BNG de Vigo demanda transparencia sobre a avaliación ambiental e as miles de alegacións veciñais do novo PXOM
A fronte nacionalista solicita a comparecencia da equipa redactora do Plan Xeral para dar conta da tramitación, diante da “opacidade” coa que está a xestionalo o Goberno local
Alerta da pretensión do Goberno de Caballero de manter o proxecto de vial PO-010 que tronzaría as parroquias de Vigo, malia os “graves” impactos e non estar xustificado
Xabier P. Igrexas: “Non se pode ir agora a unha tramitación exprés sen antes transparentar e explicar á veciñanza que se vai facer coas súas alegacións”
O Bloque Nacionalista Galego demanda transparencia do Goberno municipal sobre o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo. A fronte nacionalista vén de solicitar a comparecencia da equipa redactora do Plan Xeral para que dea conta do expediente que remitiu á Xunta de Galiza para a avaliación ambiental estratéxica e do estado da tramitación das miles de alegacións veciñais formuladas
Así, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, volveu criticar que dende aprobación inicial do novo PXOM, hai case dous anos, o Goberno municipal de Abel Caballero mantivo o proxecto “metido nun caixón e na escuridade dos despachos na que se empeñou en tramitalo”. Unha “opacidade” que, a xuízo das nacionalistas, continúa nestes momentos cando se encaran xa os pasos previos para a aprobación provisional do PXOM. Por estes motivos, urxiu a comparecencia dos técnicos do proxecto no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo que se vai celebrar a vindeira semana.
Por parte da Xunta de Galiza, responsábel da avaliación ambiental estratéxica que se está a tramitar na actualidade, Igrexas esixiu o “máximo rigor e respecto” á normativa. “Agora parece que a Xunta do PP sae ao rescate da chapuza do PXOM do PSOE en Vigo, pero temos que lembrarlle que foi precisamente a avaliación ambiental o que tombou o anterior Plan do ano 2008”, advertiu.
Dende a fronte nacionalista alertaron ademais de que, segundo se desprende da documentación, o Goberno de Abel Caballero pretende “pasar o rodete negándose a considerar as alegacións veciñais”, das que aínda non se coñece o seu ditame, pese a ser preceptivo para avanzar na aprobación do PXOM. “Non se pode ir agora a unha tramitación exprés sen antes transparentar e explicar á veciñanza que se vai facer coas súas alegacións”, defendeu Igrexas.
Oposición ao vial PO-010
O voceiro do BNG salientou como “exemplo clamoroso” o proxecto de novo vial PO-010, que se mantén no Plan Xeral malia a forte oposición veciñal e o “grave impacto” en termos ambientais, paisaxísticos e sociais. “O BNG seguimos manifestando a nosa oposición rotunda á PO-010, unha grande estrada absolutamente inxustificada que vai tronzar unha parte importante das parroquias da nosa cidade”, manifestou o portavoz nacionalista.