O BNG solicita todas as cartas de interese enviadas polo Concello de Vigo a promotoras de concertos dende 2022
A fronte nacionalista reclama acceso a esta documentación diante das “continuas falsidades” do Goberno municipal sobre o patrocinio de Guns N’ Roses, entre elas que a carta de interese remitida a Sweet Nocturna era similar a moitas outras emitidas
Xabier P. Igrexas: “Do que dependa do BNG, as viguesas e vigueses van coñecer toda a verdade, caia quen caia, de como xestiona os recursos públicos o Goberno de Caballero”
O Bloque Nacionalista Galego demanda acceso a todas as cartas de interese enviadas polo Concello de Vigo a promotoras artísticas dende o pasado 1 de xaneiro de 2022. Así o anunciou este mércores o portavoz municipal da fronte nacionalista, Xabier P. Igrexas, quen asegurou que esta solicitude está motivada polas “continuas falsidades e mentiras” do Goberno local en relación ao concerto de Guns N’ Roses.
“Facémolo no obxectivo de seguir avanzando no esclarecemento profundo do sucedido no irregular e frustrado proceso de patrocinio publicitario da actuación da banda estadounidense”, subliñou Igrexas. Dende o Bloque retan desta forma ao Goberno municipal a demostrar que se enviaron outras cartas de interese, tal e como afirmou repetidas veces o voceiro socialista, Carlos López Font, para tentar xustificar que non existía un preacordo coa promotora de Guns N’ Roses e que estas misivas se tratan dun procedemento habitual.
“Por iso queremos coñecelas todas e o seu contido”, salientou o portavoz do BNG de Vigo. Nese sentido, lembrou como o propio Font negou nun primeiro lugar a existencia dunha carta de interese para, posteriormente, asegurar que se trataba dun documento xenérico e sen compromisos concretos. Afirmacións que, tras facer pública o BNG a misiva enviada á promotora Sweet Nocturna, quedaron en evidencia como “falsidades para encubrir todo o sucedido”. Así, o documento contiña datos específicos sobre o concerto de Guns N´ Roses e o importe a pagar, e foi emitido malia as advertencias da Asesoría Xurídica do propio Concello.
Igrexas avanzou que esta solicitude é “un paso máis” dentro do proceso de análise en detalle das case 4.300 páxinas de documentación municipal relacionadas coa actuación da banda estadounidense e o patrocinio publicitario. “Do que dependa do BNG, as viguesas e vigueses van coñecer toda a verdade, caia quen caia, de como xestiona os recursos públicos o Goberno municipal de Abel Caballero”, remachou.