O BNG de Vigo urxe actuar diante da “desastrosa xestión” das pistas de atletismo de Balaídos
A fronte nacionalista denuncia as reiteradas deficiencias no sistema de reserva das pistas e os atrancos para a utilización das mesmas por parte de deportistas e clubes.
Xabier P. Igrexas: “É inaceptábel que o maior e máis importante obstáculo que teñan que sortear os e as atletas en Vigo sexa o desleixo e o abandono que sofren por parte do Goberno municipal de Abel Caballero”.
O Bloque Nacionalista Galego volveu urxir o Goberno municipal de Vigo a actuar diante do que cualifican como “desastrosa xestión” das pistas de atletismo de Balaídos. Critican as trabas “inxustificadas e absurdas” que se lle impoñen ás persoas que queren practicar atletismo na cidade e denuncian os efectos da privatización da xestión das pistas.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, considerou “inaceptábel que o maior e máis importante obstáculo que teñan que sortear os e as atletas en Vigo sexa o desleixo e o abandono que sofren por parte do Goberno municipal de Abel Caballero”.
Igrexas responsabiliza o Goberno local da situación de caos que se vive na pistas de atletismo de Balaídos, e que xa foi denunciada pola fronte nacionalista o pasado mes de xullo. Neste sentido, reiteran as súas críticas pola falla de mantemento das instalacións que as fan “impracticábeis” e as deficiencias reiteradas no sistema de reserva de uso das propias pistas.
“Temos un aplicativo web para reserva das instalacións que está máis tempo caído que operativo, o que provoca situacións dantescas como as vividas en datas recentes, nas que a policía local tivo que desaloxar a deportistas que querían acceder mentres as pistas só eran utilizadas por 30 das 150 persoas que ten como capacidade autorizada”, sinalou Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista insistiu tamén na “irracionalidade” de manter a esixencia de ficha federativa para poder facer uso das pistas de atletismo. Un requisito que non se aplica noutras instalacións deportivas municipais como as piscinas.
Para o BNG a situación das pistas evidencia o “maltrato” que o Goberno de Abel Caballero aplica contra os e as atletas da cidade, e que ten por causa a “nula xestión da concellaría de Deportes dirixda polo edil Manel Fernández”, a quen esixiu unha “rectificación urxente”.