CORONAVIRUS

O BNG de Vigo urxe axilizar o proceso de vacinación fronte ao coronavirus

vacinacion

Demandan anticipar o proceso a todo o persoal sanitario, como as matronas, que inda non recibiron a primeira dose.

Xabier P. Igrexas: “Neste contexto de terceira vaga desbocada e coa presión asistencial poñendo, literalmente, ao límite a capacidade da rede sanitaria, a principal aposta ten que ser a vacinación”.

O BNG de Vigo urxe axilizar o proceso de vacinación fronte ao coronavirus

O Bloque Nacionalista Galego cualifica de “inaceptábel” a situación derivada do proceso de vacinación do persoal sanitario na área de Vigo. A fronte nacionalista faise eco das denuncias do colectivo de matronas do HAC e alerta de que persoal asignado a áreas críticas como reanimación inda non foron chamados a vacinarse. Reitera a necesidade dun plan de vacinación “real e efectivo” que axilice o proceso.

As matronas do Hospital Álvaro Cunqueiro veñen de facer público que inda non foron vacinadas a pesar da súa evidente exposición ao coronavirus. Unha situación á que se engaden outros casos, segundo puido saber o BNG, e que atinxe mesmo a persoal sanitario adscrito a varias unidades de reanimación do hospital vigués.

“O que nos trasladan os e as profesionais da sanidade é que neste momento non hai ningún posto de baixa exposición á Covid, polo que urxe vacinar ao conxunto do persoal que traballa nos hospitais e centros médicos da área”, explicou o concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas.

Plan de vacinación

Igrexas reiterou a esixencia, formulada o pasado sábado pola portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, de que se poña en marcha un plan de vacinación “real e efectivo” para as 24h dos 7 días da semana, co obxectivo de “vacinar o máximo de persoas no menor tempo posíbel”.

Nese sentido, o portavoz municipal nacionalista urxe o Sergas a se reforzar cos medios humanos, materiais e loxísticos para facer posíbel a vacinación masiva. “Neste contexto de terceira vaga desbocada e coa presión asistencial poñendo, literalmente, ao límite a capacidade da rede sanitaria, a principal aposta ten que ser a vacinación”, explicou.

Os últimos datos oficiais recollen que este 1 de febreiro se atinxiu o pico de ingresos en UCI (con 24 persoas) na área sanitaria de Vigo, no maior nivel rexistrado desde o 24 de novembro. Unha dinámica que pode agravarse, dado que o número de hospitalizados arestora é de 190 cando daquela no anterior pico eran 99. Aliás, na cidade de Vigo a incidencia acumulada continúa por acima de 480. “Vacinar, vacinar e vacinar”, reclamou Igrexas como mellor fórmula para lograr controlar a situación pandémica  e comezar a gañar a batalla ao virus.

O BNG de Vigo urxe axilizar o proceso de vacinación fronte ao coronavirus