CORONAVIRUS

O BNG de Vigo lamenta que o partidismo de PP e PSOE impedira un acordo entre administracións para despregar axudas directas á hostalaría e o turismo

salvemoslahosteleria_vigo-1140x570
[Imaxe: Metropolitano.gal]

A fronte nacionalista denuncia que as posicións fechadas da Xunta, presidencias das deputacións e da Fegamp impediron un acordo necesario para despregar unhas axudas que xa van chegar tarde.

Xabier P. Igrexas: “É intolerábel que en medio desta situación, con millares de negocios en risco real de peche, uns e outros estean xogando a canto peor mellor facendo refén ao sector da hostalaría na súa disputa permanente.”

O BNG de Vigo lamenta que o partidismo de PP e PSOE impedira un acordo entre administracións para despregar axudas directas á hostalaría e o turismo

O Bloque Nacionalista Galego vén de expresar publicamente a súa valoración a respeito do fracaso no proceso de negociación entre Xunta de Galiza, deputacións e Fegamp para articular un plan conxunto de axudas para o rescate do sector da hostalaría e do turismo.

Para as nacionalistas as causas do fracaso nas negociacións obedecen unicamente ás posicións fechadas do Partido Popular desde a Xunta de Galiza e do PSOE a través das presidencias das deputacións e da Fegamp. En opinión do portavoz municipal do BNG de Vigo esta situación é un exemplo máis do “pim-pam-pum estéril entre PP e PSOE do que, infelizmente, tanto sabemos en Vigo”. “Máis unha vez PP e PSOE volven antepoñer os seus intereses partidistas e dinamitan un acordo necesario para despregar unhas axudas que xa van chegar tarde. É intolerábel que en medio desta situación, con millares de negocios en risco real de peche, uns e outros estean xogando a canto peor mellor facendo refén ao sector da hostalaría na súa disputa permanente”, reprochou.

A hostalaría viguesa leva moitas semanas a se mobilizar esixindo unha resposta efectiva por parte do conxunto das administracións para enfrontar as gravísimas consecuencias derivadas da crise do coronavirus. Neste sentido, o BNG ten urxido de maneira reiterada o despregamento inmediato de axudas directas, propoñendo un plan de rescate que compensase polo mínimo o 70% das perdas rexistradas. A fronte nacionalista amosouse desde o inicio favorábel a un plan de axudas negociado entre a Xunta, concellos e deputacións. Aliás, a nivel municipal en Vigo o BNG reclamou, sen éxito, que diante da inacción da Xunta o Concello despregase unha liña de axudas directas por importe de 10 millóns de euros a cargo dos remanentes orzamentarios.

Inacción e irresponsabilidade

O Bloque critica a inacción da Xunta que malia ser a administración con competencias renunciou a liderar este proceso de acordo e que se limitou a anuncios propagandísticos sen ningún tipo de eficacia práctica, sen desenvolver un diálogo real e honesto coas restantes administracións implicadas.

Atendendo o clamor do sector e a pesar destas dificultades, o BNG apostou por un acordo de colaboración interadministrativa que pivotase sobre un mesmo esforzo orzamentario por parte de todas e que se despregase con mecanismos de xestión áxiles para facer chegar as axudas canto antes ao sector. Con ese obxectivo o BNG impulsou e propiciou acordos neste sentido tanto no Parlamento galego, nas deputacións e no ámbito municipal, tamén no Concello de Vigo.

“Non nos podemos permitir tanta inacción e tanta irresponsabilidade. A hostalaría merece unha solución real e niso imos seguir a traballar o BNG en todos os ámbitos para evitarmos o desastre”, comprometeu Igrexas.
 

O BNG de Vigo lamenta que o partidismo de PP e PSOE impedira un acordo entre administracións para despregar axudas directas á hostalaría e o turismo