O BNG de Vigo urxe máis prazas e solucións aos atrasos diarios do tren de Media Distancia
A fronte nacionalista reclama reforzos diante da saturación do servizo, con máis da metade dos trens cheos durante este mes, e un plan fronte ás continuas incidencias
Xabier P. Igrexas: “É claro que a actual oferta non está á altura da demanda na maior cidade galega malia os discursos triunfalistas e grandilocuentes do ministro Puente”
O Bloque Nacionalista Galego urxe máis prazas e frecuencias no tren de Media Distancia dende Vigo así como solucións aos atrasos e incidencias diarias no servizo. A fronte nacionalista reclama reforzos inmediatos na conexión ferroviaria da cidade fronte á saturación do servizo, con máis da metade dos trens programados durante este mes completamente cheos.
“Malia os anuncios de reforzos feitos por Renfe, estamos a vivir un inicio de curso desastroso pola brutal falla de prazas e repetíndose o mesmo guión do ano pasado con incidencias reiteradas e atrasos practicamente todos os días, o que provoca un evidente e importante prexuízo para as persoas usuarias”, criticou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciando que hoxe mesmo o primeiro tren das 6:15h partía con case 30 minutos de demora.
Igrexas defendeu a necesidade de reforzar de forma inmediata esta conexión de Media Distancia cun aumento das frecuencias e prazas ofertadas, con garantías de puntualidade, coa adecuación dos horarios ás necesidades da poboación e completando as conexións directas con todas as cidades galegas, na liña do proposto en solitario polo Bloque no último Pleno municipal co voto en contra do PSOE e a abstención do PP.
Nese sentido, o portavoz municipal nacionalista afeou os “discursos triunfalistas e grandilocuentes do ministro Óscar Puente” cando acotío millares de viguesas e vigueses padecen a “precariedade” do servizo ferroviario. Diante desta situación, o BNG volveu esixir a posta en marcha dun Plan de incidencias e de transporte alternativo que corrixa “dunha vez por todas esta situación inaceptábel”.
Tachou tamén de “inexplicábel” que no ano 2024 a cidade siga sen ter conexión directa con outras urbes galegas como Ferrol ou o que o tren a Lugo tarde máis que o traxecto até Madrid. “É claro que a actual oferta non está á altura da demanda na maior cidade galega”, salientou Igrexas, chamando ademais a recuperar as 6 frecuencias con Pontevedra desde a estación de Guixar recortadas durante a pandemia.
Necesidade da rede de cercanías
Para a fronte nacionalista esta saturación no servizo de Media Distancia evidencia a “imperiosa necesidade” de que a área de Vigo conte cunha rede de tren de cercanías, tal como se comprometeu o Goberno español no acordo de investidura subscrito co BNG. “Unhas cercanías que xa existen noutras áreas con menor poboación e relevancia social e económica do Estado”, reprochou.
Por este motivo, Igrexas reiterou a demanda realizada polo voceiro do BNG no Congreso, Néstor Rego, de iniciar canto antes a licitación dun estudo para facer realidade esta rede de tren de proximidade antes do remate da actual lexislatura. “Vigo quere e merece moito máis e mellor tren e o Bloque imos seguir a dar a batalla pola mellora da conexión ferroviaria de Vigo e do conxunto de Galiza”, remachou.