O BNG de Vigo urxe poñer fin ao abandono e precariedade da Rede de Museos da cidade
A fronte nacionalista demanda o despregamento dun Plan de Musealización que desenvolva todo o potencial dos museos e centros expositivos da cidade e reclama, de novo, a ampliación de horarios de apertura
A concelleira Ana Martínez denuncia que “o feito de estar case tres anos sen Xefatura de Museos, agora designada de maneira precaria e temporal cunha comisión de servizos, é a demostración incontestábel do desleixo do Goberno municipal de Caballero cos museos da cidade”
O Bloque Nacionalista Galego urxe o Goberno municipal a que poña fin á política de “abandono e precariedade” en relación á Rede de Museos da cidade de Vigo. Neste sentido, a concelleira nacionalista, Ana Martínez, cualificou de “parche” o nomeamento da Xefatura de Museos da cidade a través dunha comisión de servizos. “Despois de dous anos e medio co posto vacante agora temos un Xefe de Museos temporal e en precario, dado que esa praza definitiva está pendente de execución”, denuncia.
Para Martínez esta situación “é unha demostración incontestábel do desleixo do Goberno municipal de Abel Caballero, e dos sucesivos concelleiros e concelleiras de Cultura ,que provocou que os museos de Vigo estiveran case tres anos sen un responsábel”.
“Será por iso que se está a producir un deterioro evidente dos edificios que albergan os museos desta cidade, que precisan remodelacións urxentes para garantir a preservación dos seus fondos? É por iso que os horarios da nosa Pinacoteca son tan raquíticos que dificultan as visitas no lugar de fomentalas? É por iso que temos na cidade un museo infrautilizado como o Verbum?” interpelou a concelleira nacionalista, que lembrou que os museos da cidade reciben na actualidade a metade das visitas que rexistraban en 2011.
Plan de musealización
Desde o BNG demandan “un xiro radical” na xestión dos museos da cidade, coa posta en marcha dunha auténtica Rede de Museos, desenvolvendo un Plan de musealización con políticas decididas que poñan en valor as coleccións artísticas do concello, que se dirixan a fomentar a creación artística en todas as súas dimensións e que acheguen de xeito decidido a arte á cidadanía. Con ese obxectivo reclaman, antes de máis, que se garanta a apertura de todos os museos e espazos expositivos do Concello durante un mínimo de 8h por día de luns a domingo.
Aliás, defenden que se aproveiten ao máximo as coleccións propias e a colaboración con outras institucións para facer dos museos de Vigo un referente no País, e que se poña en marcha, por fin, o Centro Galego de Fotografía, para garantir a difusión e conservación da excelente colección fotográfica coa que conta o Concello de Vigo.