O BNG de Vigo denuncia que Caballero pide horas voluntarias de persoal municipal cando ten 344 prazas sen executar
A fronte nacionalista urxe a execución das Ofertas Públicas de Emprego pendentes dende 2020 para “evitar o colapso duns servizos municipais sobrecargados por falla de persoal”
Xabier P. Igrexas: “O PSOE insiste en afogar os servizos públicos e avanzar na brutal privatización do Concello, onde 2 de cada 3 euros acaban nos petos de empresas”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que Abel Caballero pide horas voluntarias de persoal municipal cando ten 344 prazas sen executar. Así o denunciou este venres o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, despois de que o Goberno local veña de lanzar unha convocatoria urxente para reforzar a área de recursos humanos e formación solicitando que funcionarios e funcionarias doutros servizos realicen horas extra.
“Un novo parche sobre parche que non vai resolver o problema de fondo que existe pola incapacidade na xestión do propio Goberno e polo seu descarado afán privatizador”, criticou Igrexas, quen afeou esta decisión cando o Goberno municipal ten pendente de adxudicar as Ofertas de Emprego Público dos anos 2020, 2021, 2022 e 2023 e outra de estabilización.
O portavoz do BNG considerou “imprescindíbel” resolver canto antes estas 344 prazas, así como a convocatoria da oferta deste ano, para dotar o Concello do persoal necesario para evitar a situación de “colapso” na xestión, que ten os servizos municipais absolutamente “sobrecargados” e provoca unha peor atención das necesidades da veciñanza de Vigo.
Só no pasado ano 2023, cuestionou Igrexas, o Goberno de Abel Caballero deixou máis de 16 millóns de euros do capítulo de persoal sen gastar. “Unha inexecución récord, que é un 30% máis do non executado en 2022”, detallou, quen advertiu de que “non é aforro senón a cifra que retrata a decisión política do PSOE de seguir afogando os servizos públicos para avanzar na brutal privatización do Concello”.
Nese sentido, o voceiro nacionalista asegurou que o Caballero nada ten que envexar ás políticas privatizadoras do PP. “Hoxe 2 de cada 3 euros das viguesas e dos vigueses van parar aos petos da empresas privadas que son concesionarias de servizos municipais ou adxudicatarias de obras”, subliñou, asegurando que a veciñanza de Vigo “non merece un Concello en precario e privatizado”.