O BNG de Vigo defende unha alternativa de Zonas de Baixas Emisións sen as restricións e multas que quere impor Caballero

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG en Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG en Vigo

A fronte nacionalista traslada unha folla de ruta para acordar con participación veciñal a ordenanza municipal, cuxa elaboración se iniciou hai dous anos sen avances

Aposta por facer de toda a cidade unha ZBE, revolucionando a mobilidade e democratizando o espazo público para dar prioridade ao tránsito peonil, en bicicleta, patinetes e transporte público, reducindo o vehículo privado aos tráficos necesarios

Xabier P. Igrexas: “A proposta do BNG é aproveitar as ZBE para avanzarmos cara un modelo de cidade máis sustentábel e habitábel, dando alternativas ao uso do coche”

O BNG de Vigo defende unha alternativa de Zonas de Baixas Emisións sen as restricións e multas que quere impor Caballero

O Bloque Nacionalista Galego defende unha alternativa de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) sen as restricións e multas que quere impor o Goberno de Abel Caballero. A fronte nacionalista vén de trasladar unha folla de ruta para acordar con participación veciñal a ordenanza municipal que regule as ZBE, cuxa elaboración se iniciou hai dous anos sen avances e que legalmente debía estar definida dende o pasado exercicio.

“O único que fixo o Goberno municipal foi encargar un informe previo, de apenas 42 páxinas cheas de palla e sen apenas detalles, nas que se definen unilateralmente e sen ningún tipo de xustificación 4 perímetros nos que se pretende restrinxir o acceso por tipoloxía de vehículos”,  así como a solicitude dunha subvención do Goberno español para financiar a instalación dun sistema de control de accesos que custará máis de 5 millóns de euros”, lamentou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Igrexas cualificou esta decisión do Goberno local de “moi mala copia de Madrid Central” fronte á que propuxo unha alternativa integral que faga de toda a cidade unha ZBE, na liña das recomendacións de organizacións como a Rede de Cidade que Camiñan. “Un modelo sen restricións nin sancións, co obxectivo de reducir con carácter xeral o uso do coche dando alternativas que pasen pola mellora do transporte público, a promoción do tránsito peonil, en bicicleta e vehículos de mobilidade persoal, creando aparcamentos disuasorios e aumentando as rúas peonís”, apostou o voceiro do Bloque.

Folla de ruta con participación

Diante do silencio do Goberno municipal sobre esta cuestión, dende o Bloque anunciaron que van solicitar acceso a toda a información e documentación relativa á implantación das ZBE así como reiterar a súa proposta na vindeira Comisión Informativa de Seguridade, na que trasladarán unha folla de ruta para que a ordenanza municipal conte con participación veciñal.

Así, as nacionalistas piden a posta en marcha de mecanismos para recoller as propostas das viguesas e vigueses; a realización de asembleas nos barrios e parroquias e encontros co tecido asociativo; a convocatoria dos Consellos Sectoriais de Transportes, Medio Ambiente e Accesibilidade do Concello; un grupo de traballo con todos os grupos políticos municipais e o compromiso para que se someta a proposta de ZBE a aprobación plenaria contando cun período de exposición pública para recibir alegacións.

Caballero pretende multar

O portavoz municipal nacionalista advertiu de que o alcalde de Vigo está a mentir cando asegura que non se vai multar por acceder a eses perímetros malia que así o obriga a normativa. “A proposta de Caballero discrimina ás persoas polo lugar de residencia e pola renda, porque non todo o mundo se pode permitir un vehículo eléctrico”, criticou, avanzando que ese modelo de perímetros xa se demostrou como unha fórmula “moi pouco efectiva” á hora de reducir as emisións contaminantes respecto a modelos de éxito como Pontevedra.

Dende a fronte nacionalista rexeitaron que a solución pase por cambiar o tipo de coches que circulan na cidade, na que se producen cada día 300 mil desprazamentos en coche ou moto, segundo datos oficiais do propio Concello. “A proposta do BNG é aproveitar as ZBE para avanzarmos cara un modelo de cidade máis sustentábel e máis habitábel, unha cidade mellor revolucionando a mobilidade e democratizando o espazo público”, defendeu Igrexas.

CONSULTA A ALTERNATIVA DO BNG PARA AS ZBE EN VIGO

O BNG de Vigo defende unha alternativa de Zonas de Baixas Emisións sen as restricións e multas que quere impor Caballero