O BNG de Vigo urxe a Xunta de Galiza a axilizar a construción do novo instituto de Navia
A fronte nacionalista considera “inaceptábel” que o centro non vaia abrir antes do curso 2026-2027 e propón aumentar en 1 millón de euros (11 veces máis) a partida consignada nos orzamentos da Xunta de 2024
Xabier P. Igrexas: “Fica claro que o único motivo polo que a día de hoxe Navia non ten o novo instituto prometido hai máis de 5 anos é pola falla de vontade do Partido Popular”
O Bloque Nacionalista Galego urxe a Xunta de Galiza a “axilizar o máximo” a construción do novo instituto de secundaria para o barrio de Navia, despois de “demasiados anos de promesas incumpridas”. Así o demandou o Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que criticou que “a Xunta do Partido Popular leva moitísimos anos tomándolle o pelo á veciñanza de Navia e ao conxunto da cidade con promesas e anuncios que até o momento quedaron en nada”.
Diante da recente licitación dos traballos de elaboración do proxecto construtivo para o novo instituto e do aparente desbloqueo da sinatura do convenio para que o Concello de Vigo ceda os terreos, Igrexas valorou que “fica claro que o único motivo polo que a día de hoxe Navia segue sen o novo instituto prometido hai máis de 5 anos é pola falla de vontade do Partido Popular”.
Neste sentido, denunciou que “a contratación do proxecto demostra que se non fixo antes é porque non se quixo”, botando por terra as “escusas” do Goberno galego por causa de non ter subscrito inda o convenio co Concello para a cesión dos terreos nos que se vai edificar.
Máis orzamento
Igrexas demanda do Goberno galego que “non dilate os prazos” considerando como “inaceptábel” a previsión de que o novo instituto non vaia estar en funcionamento antes do curso 2026-2027.
A este respecto o portavoz municipal nacionalista retou a presidenta do PP de Vigo, Marta Fernández-Tapias, a que “deixe de actuar como comisaria local de propaganda da Xunta e convenza ao seu grupo parlamentar de que aprobe a emenda do BNG aos orzamentos da Xunta para incrementar nun millón de euros a partida para o novo instituto o vindeiro ano” que multiplicaría por 11 a “partida ridícula” de poucos máis de 100 mil euros consignados no proxecto de presupostos de 2024.