O BNG de Vigo pide que Abel Caballero aclare quen paga as facturas das súas xiras nas televisións de Madrid

Xabier P Igrexas, Portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P Igrexas, Portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista demanda o Goberno municipal que informe se está empregando, directa ou indirectamente, recursos do Concello para os paseos mediáticos do rexedor

Afea esta “sobreexposición para maior gloria do seu ego persoal” cando leva desde xullo sen comparecer en rolda de prensa diante dos e das xornalistas locais

Xabier P. Igrexas: “As viguesas e vigueses non merecen un alcalde a tempo parcial; que se deixe de platós e xestione a folga indefinida en Vitrasa que ten a cidade colapsada”

O BNG de Vigo pide que Abel Caballero aclare quen paga as facturas das súas xiras nas televisións de Madrid

O Bloque Nacionalista Galego pide que Abel Caballero aclare quen paga as facturas das súas xiras polas televisións. Así o reclamou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, despois de que o alcalde decidise ocupar toda a súa axenda deste venres a participar novamente como tertuliano nos programas de Jaime Cantizano e Risto Mejide.

Igrexas demandou nese sentido que o Goberno municipal informe de se nestes desprazamentos e estancias do rexedor se están a empregar, directa ou indirectamente, recursos e medios do Concello de Vigo. “Sería eticamente indecente que neste tipo de actividade, que nada ten a ver co desempeño institucional das funcións dun alcalde, se utilice nin un só céntimo de euro de todas as viguesas e vigueses”, advertiu.

O portavoz nacionalista considerou “frívolo e irresponsábel que Caballero decida exercer como “tertuliano en lugar de alcalde” nun contexto onde a cidade está “colapsada” a causa da folga indefinida no bus urbano, que cumpre xa unha semana. “As viguesas e vigueses non merecen un alcalde a tempo parcial; que se deixe de platós e xestione e goberne”, esixiu.
 

Sen roldas de prensa desde xullo

Aliás, afeou esta sobreexposición mediática do rexedor “para maior gloria do seu ego persoal”, cando leva desde xullo sen comparecer en rolda de prensa diante dos e das xornalistas da cidade por “covardía e para non someterse ás súas preguntas e repreguntas”.

O BNG de Vigo pide que Abel Caballero aclare quen paga as facturas das súas xiras nas televisións de Madrid