O BNG de Vigo acode á Valedora do Pobo diante da “opacidade” de Caballero co patrocinio do concerto de Guns N’ Roses
A fronte nacionalista solicita acceso íntegro a un total de 41 expedientes municipais relacionados coa actuación e co frustrado patrocinio publicitario, após transcorrido un mes dende que demandou sen éxito que se facilitara toda a documentación
Xabier P. Igrexas: “Seguimos á espera de que o alcalde dea a cara e responda ás acusacións da promotora, que confirmou que existía un acordo previo para o patrocinio”
O Bloque Nacionalista Galego anuncia que vai solicitar amparo da Valedora do Pobo diante da “opacidade” do Goberno de Abel Caballero co concerto de Guns N’ Roses en Vigo o pasado xuño. A fronte nacionalista vai solicitar ademais este luns acceso íntegro a un total de 41 expedientes municipais relacionados coa actuación e co frustrado patrocinio, após transcorrido un mes dende que demandou sen éxito que se facilitara toda a documentación e se aclarara se existía un acordo previo coa promotora.
“Seguimos á espera de que o alcalde dea a cara e responda ás acusacións que, por parte da propia promotora do concerto, se fixeron publicamente sinalando de maneira clara e rotunda que existía un preacordo para o patrocinio”, denunciou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que reprochou a “falla de transparencia” do Goberno local malia a “gravidade” dos indicios e por negar os dereitos dos edís nacionalistas a acceder á documentación, como recolle o Regulamento Orgánico do Pleno e a lexislación vixente.
Nese sentido, Igrexas insistiu na necesidade de que o Goberno municipal informe dunha vez de se existía ese acordo previo, tácito ou expreso, coa promotora do concerto para asegurar que sería beneficiaria dun patrocinio publicitario a cargo de recursos públicos.
Xabier P. Igrexas: “Suporía unha situación absolutamente irregular, que implicaría graves responsabilidades e que deixaría en evidencia que ese concurso público aberto foi unha pantomima para encubrir un acordo feito pola porta de atrás”
O portavoz nacionalista lamentou que o Goberno municipal só permitira até o momento acceder a un único expediente dende a solicitude realizada o pasado 12 de xuño, cando constan outros 41 expedientes cunha “clara” relación co concerto da banda estadounidense e co contrato de patrocinio. “O BNG reiteramos a nosa demanda co obxectivo claro de coñecermos a verdade até o final e de promover que se depuren todas as responsabilidades a respecto do sucedido”, explicou Igrexas.