Néstor Rego: "Un Grupo Galego forte do BNG no Congreso garantirá a recuperación real de dereitos laborais"
O candidato nacionalista comprométese a seguir defendendo en Madrid a derrogación da reforma laboral e das pensións fronte aos incumprimentos do Goberno español na pasada lexislatura, durante un encontro con representantes sindicais en Vigo
Néstor Rego: “Pedimos á sociedade galega que confíe no BNG e nos dea unha capacidade decisiva para defender os intereses de Galiza e da maioría social deste País”
Xabier P. Igrexas: “Chamamos a concentrar o voto de todas as viguesas e vigueses inconformistas no BNG, un voto decisivo o 23X contra reformas laborais fraudulentas”
O Bloque Nacionalista Galego comprométese a defender en Madrid a derrogación da reforma laboral e das pensións. Así o afirmou este martes o candidato do BNG ao Congreso, Néstor Rego, durante un encontro con delegadas e delegados sindicais da CIG en Vigo no marco da campaña electoral do 23X, no que reiterou que un “Grupo Galego forte do BNG será garantía para avanzar na recuperación de dereitos laborais” fronte aos incumprimentos do Goberno español de PSOE e Unidas Podemos na pasada lexislatura.
“As galegas e galegos teñen o compromiso do BNG para seguir insistindo na derrogación íntegra da reforma laboral do PP, que non foi modificada na maioría dos aspectos”, asegurou Rego. En particular, chamou a reverter o abaratamento dos despidos, a recuperación da indemnización de 45 días por ano, dos salarios de tramitación e da autorización administrativa en caso de despedimento colectivo, así como impulsar novas medidas para combater a precariedade, a parcialidade e a inestabilidade laboral.
No mesmo sentido, o candidato nacionalista reafirmou o rexeitamento do Bloque ao proxecto de reforma das pensións, que incrementará até os 30 anos o período de cómputo. “O Goberno español non só incumpriu os seus compromisos, senón que incorporou novos recortes”, reprochou, advertindo de que “se non o remediamos” as persoas que hoxe teñen menos de 50 anos terán pensións máis baixas.
Rego reiterou a proposta da fronte nacionalista de incrementar as pensións mínimas co obxectivo de superar tanto a fenda de xénero como a territorial. “Porque as mulleres seguen cobrando pensións máis baixas e o noso País ten as segundas máis baixas do Estado español”, lamentou. Por ese motivo, defendeu a necesidade de aumentar tanto as pensións mínimas como o salario mínimo interprofesional até equiparalas ao 60% do salario medio.
O portavoz nacionalista no Congreso durante a pasada lexislatura chamou á sociedade galega a confiar no BNG, outorgándolle este vindeiro 23X a “capacidade decisiva con máis representantes e cun Grupo Galego forte no Congreso” para defender con maior forza os intereses de Galiza e das clases populares.
Moitos máis Néstor Rego no Congreso
O candidato do BNG estivo acompañado no encontro sindical do portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, que puxo en valor o traballo de Rego durante os últimos anos cunha “actividade permanente e cunha voz firme en favor da reactivación produtiva e industrial da comarca e da recuperación real de dereitos laborais”. Así, asegurou que o que precisan as viguesas e os vigueses é de “moitos máis Néstor Rego no Congreso”.
Igrexas chamou a concentrar no BNG “todo o voto inconformista e quere unha mudanza real” para reverter o actual contexto de crecente precariedade laboral e de desertización produtiva na cidade, con 7.000 postos de traballo industriais destruídos nos últimos tres anos. “Non é tempo de escoller o mal menor, é momento de avanzar e conquistar mellores condicións materiais de vida e de traballo para a maioría social”, manifestou.
O portavoz nacionalista afeou as continuadas negativa do Goberno español de PSOE e Unidas Podemos ás propostas do BNG para despregar un plan de reactivación económica e industrial na comarca de Vigo. “Fronte a quen defende reformas laborais fraudulentas, que permiten que hoxe en Stellantis traballadores e traballadoras con discapacidade cobren moito menos que o persoal da propia matriz facendo o mesmo traballo, chamamos a apostar por un Grupo Galego forte do BNG no Congreso”, remachou.