O BNG de Vigo culpa da “expulsión” de miles de habitantes á inacción do Concello e da Xunta en políticas de vivenda
A fronte nacionalista insiste na urxencia de medidas que faciliten o acceso social á vivenda para frear a perda de poboación na cidade, con 3 mil persoas menos desde 2019
Reitera a proposta de crear unha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social, como paso previo a un parque municipal de vivendas a prezos asequíbeis
Xabier P. Igrexas: “A resposta dos gobernos de Abel Caballero e de Alfonso Rueda ás numerosas iniciativas en vivenda do BNG foi exactamente a mesma: non facer nada”
O Bloque Nacionalista Galego culpa á inacción do Concello de Vigo e da Xunta de Galiza en materia de vivenda da “expulsión” de miles de habitantes da cidade. A fronte nacionalista insiste na urxencia de medidas que faciliten o acceso social a este ben esencial para frear a perda de poboación na cidade, con 3 mil persoas menos desde 2019, e lamenta as continuas negativas de ambos gobernos ás alternativas do Bloque.
O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, valorou estes datos oficiais de poboación, recollidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE), como “unha evidencia do alcance do gravísimo problema da vivenda na cidade” e de que “son cada vez máis as persoas e familias traballadoras que non se poden permitir literalmente o luxo de viviren en Vigo”. Así, lembrou que é a cidade galega cos prezos máis caros tanto en compra como en alugueiro, con incrementos neste último de até un 40% en cinco anos.
“A día de hoxe micropisos de apenas 20 metros cadrados teñen un custo equivalente a máis do 50% do Salario Mínimo Interprofesional”, alertou Igrexas, que subliñou que na actualidade é maior a oferta de pisos para usos turísticos que as vivendas dispoñíbeis para alugueiro residencial en Vigo, e todo malia contar con máis de 18 mil vivendas desocupadas.
O candidato do Bloque lamentou que, pese a este duro contexto, as numerosas propostas e iniciativas nesta materia defendidas pola fronte nacionalista foran continuamente rexeitadas polos Gobernos municipal e galego. “O BNG levamos moito tempo a reclamar accións concretas para facilitar o acceso social, mais a resposta de Abel Caballero e de Alfonso Rueda foi exactamente a mesma: non facer nada”, reprochou.
Neste sentido, cuestionou que nos últimos anos a política de vivenda da Xunta se limitara en Vigo a promover “uns poucos” inmóbeis a través do Consorcio do Casco Vello. Por parte do Concello, afeou o compromiso do alcalde, Abel Caballero, de construír seis mil vivendas protexidas das que, 15 anos despois, non se fixo ningunha.
As alternativas en vivenda do BNG de Vigo
“O único que fixo o goberno do PSOE en materia de vivenda foi utilizar a súa maioría absoluta no Pleno para tombar as nove medidas concretas que lle trasladamos o BNG”, criticou o edil nacionalista, que anunciou que no vindeiro Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, previsto para este martes, trasladará novamente estas propostas para evitar que “sigamos expulsando familias traballadoras a outros concellos” e que “a mocidade de Vigo non poida emanciparse e emprender o seu proxecto de vida”.
Entre elas, Igrexas destacou a necesidade de poñer en marcha unha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social como instrumento que permita desenvolver un parque municipal de vivendas a prezos asequíbeis, no que chamou a incorporar miles de vivendas desocupadas na cidade, en especial aquelas propiedade da Sareb e de entidades financeiras rescatadas con fondos públicos mediante a subscrición de convenios.
Ademais, o concelleiro do BNG insistiu na necesidade dun Plan Municipal Facilitador do Alugueiro para combater o endurecemento das condicións de acceso á vivenda, con esixencias económicas e de garantías cada vez maiores, para que o Concello asuma e responda polos avais e seguros para formalizar os contratos, así como unha liña de axudas para anticipar os pagos das fianzas e permitir a súa devolución en 24 meses sen xuros. E diante da proliferación de pisos con fines turísticos, a fronte nacionalista urxe frear este incremento coa elaboración dunha ordenanza municipal que regule o fenómeno.