O BNG de Vigo denuncia novas verteduras no río Lagares e pide intensificar os controis
A fronte nacionalista insta a aumentar a vixilancia e control do curso fluvial, tras documentar a presenza de augas contaminadas en Cabral
Xabier P. Igrexas: “É necesario que o goberno de Abel Caballero actúe con determinación para protexer este elemento de enorme valor ambiental como é o noso río Lagares”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo denuncia novas verteduras no río Lagares ao seu paso pola parroquia de Cabral. A fronte nacionalista pide intensificar os controis do Concello ante un novo episodio de augas contaminadas ou sen depurar no curso fluvial do río, documentado o pasado 16 de febreiro, no que se puideron observar augas turbias de aspecto xabonoso.
“O BNG temos que reiterar máis unha vez que é necesario e imprescindíbel que o goberno de Abel Caballero actúe con determinación para protexer este elemento de enorme valor ambiental como é o noso río Lagares”, demandou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
O edil nacionalista asegurou que existen hoxe solucións tecnolóxicas que permitirían monitorear en tempo real o estado do río para evitar que siga sendo usado como un “gran sumidoiro” e para identificar ás persoas responsábeis destas verteduras.
Nese sentido, urxiu a intensificar os controis no curso fluvial do Lagares. “Sabendo ademais que son coñecidos en moitos casos os puntos onde se rexistran de forma recorrente estas verteduras de augas sen tratar”, engadiu.
O candidato do BNG propuxo reiniciar o proxecto para dotar o río dunha rede de telecontrol e vídeovixilancia, similar á impulsada por iniciativa nacionalista durante a súa etapa no Goberno municipal e que “leva moitos anos sen funcionar por causa do desleixo e do abandono do propio Concello de Vigo”, lamentou.
O BNG de Vigo denuncia novas verteduras no río Lagares e pide intensificar os controis
— BNG Vigo #VigoMáisAlá ✊🏼 (@bngvigo) February 20, 2023
👉 Documentamos o pasado 16 de febreiro a presenza de augas contaminadas ao seu paso por Cabral
➕ℹ️ https://t.co/SG2YhyDTxJ pic.twitter.com/hHaesi2tty