O BNG de Vigo volve pedir que non se inicien as obras do túnel de Elduayen até que se estuden outras alternativas
Após se dese a coñecer que o Tribunal Administrativo da Contratación Local admitise a trámite as alegacións formuladas polo colectivo Vigo Histórico en contra do proxecto de túnel de Elduayen, o BNG volveu pedir ao Goberno municipal que non inicie as obras até estudar alternativas a esta intervención. “Pedimos, de novo, que se paralice a execución do proxecto até avaliar todas as opcións técnicas, que se inicie un diálogo real coa veciñanza afectada e cos colectivos do barrio e que se someta a exposición pública o proxecto definitivo”, explicou o concelleiro, Xabier P. Igrexas.
O voceiro nacionalista volveu demandar que o proxecto de peonalización garanta a seguridade dos inmóbeis afectados e que non se limite á Porta do Sol e atinxa tamén ao Paseo de Afonso XII. “O principal miradoiro urbano, un balcón privilexiado á nosa Ría como o Paseo de Afonso non pode quedar fóra desta peonalización”, defendeu. A este respeito desde o Bloque advirten de que o momento para incorporar este ámbito para facer unha actuación “verdadeiramente integral” é antes do inicio das obras para evitar unha “chapuzada millonaria”. “Escoitamos estes días ao alcalde abrirse á posibilidade de que o Paseo sexa tamén peonil. A pregunta é por que hai que esperar? Por que non se pode facer conxuntamente?”, inquiriu o concelleiro do Bloque, que alertou que co actual deseño do túnel “moi dificilmente se poderá facer o Paseo peonil nun futuro”.
A formación nacionalista fai propias as críticas formuladas polo movemento ecoloxista advertindo de que soterrar o tráfico rodado non é a solución. “Non queremos meter o tráfico debaixo da alfombra, o que se precisa é retirar vehículos das rúas e iso pasa por peonalizacións reais e por mellorar substancialmente a alternativa do transporte colectivo”, argumentan.
Igrexas lembrou que todas estas peticións xa se formularon nunha moción que foi rexeitada no Pleno da corporacións “cos votos do PSOE e tamén do PP”. No entanto, a fronte nacionalista, defende que unha actuación tan importante como a “peonalización do quilómetro cero da cidade”, que reiteran conta co “total apoio do BNG”, ten que acometerse procurando o máximo consenso social, veciñal e político. “Ten que ser un proxecto de cidade, non dun Goberno ou dun partido”, reclamou o edil nacionalista.
Diálogo
Por outra banda, o portavoz municipal do BNG volveu facer un chamamento ao diálogo. “O goberno municipal ten que sentarse coa veciñanza e co tecido asociativo. A falar, a dialogar, a escoitar”, demandou.
A este respeito Igrexas amosouse duramente crítico cunhas recentes manifestacións do alcalde, Abel Caballero, nas que ademais de desprezar os colectivos sociais chegou a ameazar con facer pública a relación de nomes das persoas que se opoñen ao proxecto do túnel. Unhas declaracións que para Igrexas son “máis propias dun delator falanxista que dun alcalde democrático”, polo que urxiu o rexedor a retiralas e desculparse. “É intolerábel que se ameace con listas negras a viguesas e vigueses que libre e democraticamente expresan a súa opinión sobre unha actuación municipal”, remachou.
Pérez Igrexas retou o Goberno municipal a demostrar que o seu proxecto de túnel de 17 millóns de euros para 200 metros de peonalización conta co apoio real da cidadanía. “Que o sometan a exposición pública para que a veciñanza poida dar o seu parecer. A que lle teñen medo?”.