O BNG de Vigo rexeita a modificación orzamentaria que retira as partidas para a ampliación do Pintor Laxeiro e melloras no campo do Carballal
Diante da proposta de modificación orzamentaria aprobada pola Xunta de Goberno Local do pasado 3 de outubro, por un importe total de preto de 1 millón 600 mil euros, o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, anunciou publicamente o rexeitamento da súa formación.
Igrexas presentou unha emenda de devolución que será abordada na comisión informativa de Facenda a semana próxima, antes da súa tramitación a Pleno, e que fundamentou en dous motivos. En primeiro lugar, o edil nacionalista denuncia que o Goberno municipal non xustifica a insuficiencia das partidas que pretenden aumentar, e que se refiren na súa meirande parte a segundas anualidades de investimentos en marcha e a proxectos DUSI. “Unha de dúas, ou o Goberno local incorreu nunha grave falla de previsión orzamentaria ou se produciron sobrecustos que non se xustifican no expediente”, explicou.
No entanto, a oposición da fronte nacionalista céntrase na discrepancia sobre algunhas das minoracións que se recollen na proposta de modificación. En concreto, Igrexas alude ao recorte de 317 mil euros previstos para a compra dun local anexo para ampliar o CEIP Pintor Laxeiro, e a retirada de 260 mil euros consignados para melloras no campo de fútbol do Carballal.
“Rexeitamos de plano que o Concello suprima a partida que estaba destinada a unha ampliación imprescindíbel do CEIP Pintor Laxeiro”, manfiestou o voceiro nacionalista. “Trátase dunha reivindicación histórica da comunidade educativa para mellorar as instalacións dun centro que por falla de espazo non conta con salón de actos nin cun local digno para a súa biblioteca”, acrecentou. Igrexas reprochou tamén que este investimento teña sido reiteradamente comprometido, de maneira pública e sobre todo en períodos electorais, por parte do mesmo Goberno municipal que agora lle quere retirar os fondos.
En relación ao campo do Carballal, do que fai uso o clube de futbol Gran Peña, o BNG critica que se recorte esa partida que ía ser destinada a continuar coas melloras das instalacións precisamente cando vai máis dun ano que os seus vestiarios non teñen auga quente.
Na emenda presentada advirten tamén da minoración de 718 mil euros previstos para a segunda anualidade do acceso á nova estación intermodal de Urzaiz, na medida en que pode afectar aos prazos de execución dunha obra imprescindíbel para a cidade.
Goberno incompetente
“A pregunta que cómpre facer é que explica que un Goberno municipal con plena capacidade de obrar, apoiado nunha maioría mecánica no Pleno, non sexa capaz nin de executar os seus propios orzamentos. Que explica que cuns orzamentos en vigor desde o 1 de xaneiro deste ano non se teña executado a ampliación do Pintor Laxeiro nin se puxeran en marcha as melloras do Carballal?”, inquiriu o concelleiro nacionalista. “Estamos diante dun exemplo máis de que temos un Goberno municipal moi produtivo en titulares e promesas, pero enormemente improdutivo en xestión e solucións. A súa política redúcese a propaganda inútil”, reprochou.
Aliás, Igrexas amosouse moi crítico co xeito de proceder do Goberno municipal que, segundo afirmou, tenta executar esta modificación orzamentaria “con nocturnidade e aleivosía” denunciando que non se informou nin á comunidade educativa e a dirección do CEIP Pintor Laxeiro nin tampouco á directiva do Gran Peña.